Dous veciños da Coruña están investigados pola comercialización de medicamentos non autorizados como estimulantes sexuais, no marco da Operación Lidoca.
O operativo levouse a cabo por parte do Equipo de Investigación da Unidade de Protección da Natureza (Uprona) da Comandancia da Garda Civil da Coruña, no contexto doutro operativo a maior escala, a Operación Panxea XVI, impulsada pola Xefatura do Servizo de Protección da Natureza en coordinación con Interpol, contra a comercialización ilegal de medicamentos e dispositivos a través de internet.
A investigación, que se iniciou en outubro de 2023, centrouse na vixilancia de produtos publicitados como estimulantes sexuais, que, baixo a aparencia de ser naturais, poderían conter ingredientes prexudiciais para a saúde pública.
O 9 de novembro de 2023 localizouse na canle de vendas dunha rede social un produto chamado 'Rhino Africano', presentado como un remedio para atrasar a exaculación precoz importado de Colombia.
A investigación permitiu a identificación das persoas responsábeis da publicidade e da importación destes produtos ao Estado español desde Colombia, ambos os dous residentes da Coruña.
Enviouse á Axencia do medicamento para análise
Á vista de que o produto carecía dos datos relativos a etiquetaxe exixidos para a súa venda e, ante a sospeita de que puidese tratarse dun medicamento comercializado de maneira "clandestina", procedeuse á incautación dos produtos que foron remitidos á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps) para unha análise exhaustiva.
O informe resultante da axencia revelou a presenza de lidocaína, un anestésico local, no produto, o que o clasifica como un medicamento non autorizado. Ante o potencial perigo para a saúde pública que representaba a comercialización sen autorización destes medicamentos, entre o 23 e o 28 de febreiro de 2024, procedeuse á investigación destas persoas que foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda da Coruña.