Que condicións deberán cumprir os produtores ecolóxicos para non ter que solicitar certificación?

As persoas produtoras poderán vender os seus produtos ecolóxicos sen a certificación de Craega. (Foto: Craega)
Os produtos ecolóxicos poderán comercializarse sen necesidade de certificación oficial sempre que se destinen á venda a granel e o seu volume de negocio non exceda os 5.000 quilos ou os 20.000 euros ao ano. Nos Diario conversa coa Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) sobre como a nova medida afectará as produtoras e produtores.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle, nunha publicación presentada hoxe, a orde que estabelece as normas para as persoas vendedoras a granel de produtos que poden acollerse ao marco de exencións para poder desenvolver a súa actividade sen contar co certificado que emite o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega)

Desta forma, os operadores e operadoras que se dediquen a comercializar produtos ecolóxicos envasados directamente á persoa consumidora non terán que comunicar a súa actividade ao Craega se unicamente se dedican á venda final e non desempeñan outras operacións coa mercadoría.

Gabriel López, produtor ecolóxico sen certificar e responsábel dos sectores agrarios de produción vexetal ecolóxica da Federación Rural Galega, (Fruga), explica a Nós Diario de maneira xeral que, esta medida “parece positiva” pois “cumpre as expectativas e as demandas do sector”, e indica que “o noso tipo de comercialización de venda directa baséase na confianza coas persoas consumidoras” polo que “estas certificación non sempre resultan útiles”.

Pola súa parte, Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, sinala a Nós Diario que “debe haber unha garantía para as persoas consumidoras de que o produto é ecolóxico” e engade que “se a venda é directa, a trazabilidade resulta sinxela, pero se hai intermediarios entendemos que é precisa algunha certificación que confirme as características do produto e, para nós, a que ten máis garantías é a pública”, como a Craega, e así evitar “fraudes”.

“Debe haber unha garantía para as persoas consumidoras de que o produto é ecolóxico”

A orde especifica que tamén poden operar sen certificación oficial os negocios que non superen os 5.000 quilos de venda ao ano e o seu volume anual de produtos ecolóxicos sen envasar non rebase os 20.000 euros; uns límites que, a pesar de estar dirixidos ás pequenas producións, resultan “moi axustados”, segundo indican Fruga e SLG.

Demandas do sector da produción ecolóxica

Se ben para algúns produtores, como López, esta medida resulta positiva, o sector da produción ecolóxica mantén outras demandas como a necesidade de "potenciar un tipo de distribución e de vendas" que permita "os circuítos curtos para non depender das plataformas de distribución procedentes doutras partes do Estado ou do mundo", indica López, quen critica que "desde as Administracións públicas non se está a facer nada, son todo trabas".

Cómpre potenciar un tipo de distribución e de vendas que permita os circuítos curtos

Pola súa parte, Vilalba sostén que "na Galiza non houbo nunca unha aposta pola agricultura ecolóxica" e advirte da necesidade "dun programa de medidas que permitan unha formación accesíbel ás persoas produtoras e o estabelecemento dunhas liñas claras de investigación", e engade que cómpre "facilitar os produtos ecolóxicos á sociedade e promovelos desde as políticas públicas".