"Preservamos a biodiversidade e coidamos o territorio": A produción ecolóxica conta con 1.552 operadoras e 47.000 hectáreas
A Asociación de Produtoras e Produtores Ecolóxicos da Galiza (Proecogal) fai tres anos neste 2025. Con case un cento de produtores asociados, celebra hoxe o Día Mundial da Ecoloxía co I Encontro Ecolóxico en Parga, Guitiríz (A Terra Chá), na procura dun “espazo de encontro, un lugar específico” no que reivindicarse, celebrarse e analizar o presente e o futuro do sector, segundo explica a Nós Diario o presidente de Proecogal, Xabier Fernández, propietario dunha explotación de vacún de carne Rubia Galega en ecolóxico en Begonte (A Terra Chá).
Colabora con Proecogal neste encontro a Área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado de Rural, Daniel García, enmarcou a organización da xornada “na colaboración que mantemos coa plataforma de produtoras e produtores en ecolóxico da Galiza, para dar soporte económico ás actividades que desenvolven ao longo do ano, tanto no ámbito do asesoramento como da formación e da divulgación”.
"Queremos levantar conciencia social e desenvolver políticas que poidan mudar a realidade da nosa provincia”, explicou García a Nós Diario. Destacou ademais que “un total de 45 proxectos de emprendemento no rural son hoxe un referente para as novas xeracións e está acadando a consolidación e obxectivos que nos marcamos”.
Unha “pequena freada”
Nos últimos 10 anos o volume de vendas da produción galega en ecolóxico aumentou 337%. Segundo os datos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) no país hai 1.552 operadores en ecolóxico, deles 1.172 son produtores e 380 elaboradores. O número de hectáreas certificadas en ecolóxico no país alcanza as 46.967 e as vendas superan os 113 millóns de euros anuais. Máis da metade da produción ecolóxica da Galiza desenvólvese nos concellos de Lugo. O maior peso teno a produción animal, 52,5% (leite, carne ou ovos), seguido con 30,23% de produción vexetal (cereais, patacas e hortalizas) e 17,18% é acuicultura e algas.
O presidente de Proecogal destaca a “boa situación” do sector, pero advirte de que “non medra como debería”. Coincide na análise a doutora en Economía Aplicada e experta en desenvolvemento rural da USC, Mar Pérez Fra, que refire unha “pequena freada” no crecemento dun sector cuxa evolución é “a seguir medrando”. Explica Pérez Fra que o futuro pasa por “diversificar a produción, dar visibilidade e formas orixinais de distribución”. Para iso Pérez Fra sinala que “a Administración ten un papel moi importante que xogar” e critica que estes produtos “brillan pola súa ausencia” en hospitais, comedores universitarios ou centros escolares.
Xabier Fernández valora o feito de que “socialmente a situación é boa e a xente demanda cada vez máis produtos sostíbeis e respectuosos co medio”. O obxectivo para o sector, segundo explica a Nós Diario o presidente de Proecogal, é “aumentar a supremacía do ecolóxico na Galiza”, algo que pasa por “incrementar a superficie do territorio en produción ecolóxica”, explica.
Mar Pérez Fra destaca que o peso destes produtos nas grandes superficies comerciais “non deixa de medrar, cada vez teñen máis espazo nos lineais dos supermercados”, pero considera que “moitos destes produtos elaborados e frescos son de fóra e están ocupando unha parte dese mercado”. Asegura que entre os consumidores na actualidade “hai máis demanda de produción vexetal que animal” e por iso sinala que “hai que apoiar a produción con especialización e diversificar”.
Ana Corredoira é unha das produtoras en ecolóxico da Galiza. Na Granxa Cernada é socia de Sen Máis, que produce leite en ecolóxico en Palas de Rei (A Ulloa). Desde o terreo asegura que nos últimos anos houbo no sector “un lixeiro descenso” que atribúe a que “nos sentimos desamparados, os produtores estamos preocupados pola evolución do mercado”. Demandan máis apoio institucional na promoción dos seus produtos e o recoñecemento a que “preservamos a biodiversidade e coidamos o territorio”.
Os produtores en ecolóxico arrastran aínda o problema que tiveron coa Xunta da Galiza no ano 2022 coas solicitudes de axudas en ecolóxico da Política Agraria Común (PAC).
Explica Corredoira a este xornal que “non se nos pagaron porque a Xunta da Galiza quedou sen cartos, moitos quedamos fóra, no meu caso foron 20.000 euros”. A explicación que recibiron da Administración foi que houbo moitas solicitudes “e non o tiñan orzamentado nin previsto, e deixáronnos chantados”.
Por iso, explica Ana Corredoira, “naceu Proecogal, porque dixemos até aquí, basta desa falta de apoio”. Corredoira agarda que este I Encontro Ecolóxico que hoxe decorre en Guitiriz sexa “un punto de encontro real, que nos dea visibilidade e relevancia e tamén un espazo de debate e reflexión”. Asegura Corredoira que “hai moito por facer para posicionar a nosa produción no mercado, que os consumidores valoren os nosos produtos”.
Programa da feira: Unha xornada con actividades e produtos de calidade
Co lema “Cultura, saberes e sabores” o programa deste I Encontro Ecolóxico comeza pola mañá coa apertura do mercado onde haberá máis de 20 postos de produtos ecolóxicos. Durante a xornada haberá dous obradoiros de cociña, un de cestaría e un ferreiro, xogos ancestrais a cargo do Colectivo Hércules e porán música e entretemento os Cantos da Taberna de Xermolos e un monólogo de Marta Doviro. Tamén haberá análise do presente e o futuro do sector, nunha mesa redonda na que participan Ana Corredoira (produtora do leite en ecolóxico Sen Máis en Palas de Rei), Isabelle Gómez (responsábel de Traloagro en Friol), Nuska Chousa (influencer rural) e Mar Pérez Fra, profesora e doutora en Economía aplicada da Universidade de Santiago (USC).
Oferta gastronómica
Para desfrutar da xornada, no Campo da Feira de Parga haberá foodtrucks de produtos ecolóxicos, e sorteos e agasallos entre os asistentes. Os postos no mercado ofrecerán aos asistentes unha importante selección de toda a produción de alimentos en ecolóxico do país, desde a horta até o mar, pasando polos produtos en ecolóxico de orixe animal que son no sector os que teñen actualmente máis peso, representando 52,5% da produción ecolóxica do país.


