Primeira consecuencia da "excepción ibérica": descenso de 23% no prezo da luz da cuarta feira

Segue en Nós Diario a evolución do prezo da luz. (Foto: Nós Diario)
Segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE), o prezo medio da luz na cuarta feira será de 165 euros o megavatio hora (MWh), polos 214 que se rexistraron no día de hoxe.

Hoxe entra en vigor o acordo para topar o custo do gas no mercado ibérico da electricidade, autorizado por Bruxelas a semana pasada. Esta medida, que busca abaratar a factura da luz de familias e empresas, permitirá baixar xa desde hoxe o custo do gas a 40 euros megawatt/hora (MWh), cando a finais da semana pasada cotizaba por riba dos 80 euros/MWh, o dobre.

A primeira consecuencia da "excepción ibérica", como a definiu o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na cimeira da Comisión Europea na que se acordou que Portugal e o Estado español poderían aplicar medidas excepcionais de carácter temporal, é que o prezo da luz descenderá 23% na cuarta feira con respecto ao prezo da terza.

Así, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE), o prezo medio da luz na cuarta feira será de 165 euros o megavatio hora (MWh), polos 214 que se rexistraron no día de hoxe.

Por tramos horarios, o prezo máximo da luz terá lugar entre as 00 horas  e a 1, cando irá lixeiramente por enriba dos 194 euros MWh. En canto ao mínimo, darase entres as 15 e as 16 horas, cun prezo medio de 144 euros MWh.

Cuestións da rebaixa

Pese á rebaixa significativa do prezo da luz nesta cuarta feira, os economistas e expertos inciden na necesidade de agardar unhas semanas para sacar conclusións da evolución do prezo medio e da eficiencia ou ineficiencia da "excepción ibérica".

Nas súas previsións iniciais, o Executivo estatal comprometeuse a que os prezos desecenderían máis de 30% no mercado maiorista. En canto a aqueles domicilios que conten cunha tarifa regulada (PVPC), esta reducción sería algo menor, ente 15 e 20%.

A limitación estenderase durante 12 meses, nos que o prezo máximo irá variando para quedar á fin do período nunha media de 48 euros/MWh. Os 40 euros/MWh manteranse os seis primeiros meses, mentres que os outros seis verase incrementado en 5 euros cada mes até rematar nos 70 euros/MWh en xuño de 2023.

Segundo os cálculos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, isto suporá un aforro ás persoas consumidoras acollidas á tarifa regulada ─a mesma que criticaba hai unhas semanas o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán─ de 15%, aínda que nestes primeiros meses quedará na contorna de 12,5%, lonxe tamén do 30% da proposta inicial remitida a Bruxelas, que se ben recortou os descontos, aumentou a medida no tempo.