Bruxelas acepta a proposta dos Gobernos portugués e español para abaratar o prezo do gas

De aprobarse, estabelecerase un prezo limitado inicial de 40 euros/MWh para o gas, que subirá nas seguintes semanas até os 50 euros/MWh, e que terá unha duración de 12 meses, até o remate do vindeiro inverno.
Participantes na Conferencia polo Futuro de Europa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Participantes na Conferencia polo Futuro de Europa. (Foto: Europa Press)

O primeiro ministro de Portugal, António Costa, vén de anunciar que a Comisión Europea aceptou a proposta conxunta do seu Goberno e o do Estado español para abaratar o prezo do gas empregando a fórmula da "excepción ibérica".

Costa, que participou esta segunda feira na Conferencia sobre o futuro de Europa, en Estrasburgo, detallou a varios xornalistas portugueses que "hoxe mesmo a Comisión Europea deu luz verde á proposta portuguesa e española para evitar a contaminación do prezo da electricidade pola suba do gas".

Para o dirixente luso, "é unha medida de gran alcance".

Neste sentido, o primeiro ministro portugés asegurou que tanto o seu Executivo como o de Pedro Sánchez están a coordinar "como aprobar a respectiva lexislación, e faremos todo o posíbel para poder facelo xa mañá".

Aplicar a medida "canto antes"

Tal e como avanzou Costa, a intención de ambos Gobernos e que a medida poida ser aprobada "canto antes".

No caso español, o Executivo estatal traballa para que esta terza feira, coincidindo co Consello de Ministras e Ministros, poida ser aprobado o mecanismo.

A este respecto, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou que estabana "traballar contrarreloxo".

De aprobarse, estabelecerase un prezo limitado inicial de 40 euros/MWh para o gas, que subirá nas seguintes semanas até os 50 euros/MWh, e que terá unha duración de 12 meses, até o remate do vindeiro inverno.

Comentarios