O límite aos prezos do gas entra hoxe en vigor

A medida, que estará vixente os próximos doce meses, suporá aforros medios de 15% na factura da luz.
As persoas consumidoras non notarán a rebaixa na súa factura até mediados do mes de xullo (Foto: Nós Diario).
photo_camera As persoas consumidoras non notarán a rebaixa na súa factura até mediados do mes de xullo (Foto: Nós Diario).

Hoxe entra en vigor o acordo para topar o custo do gas no mercado ibérico da electricidade, autorizado por Bruxelas a semana pasada. Esta medida, que busca abaratar a factura da luz de familias e empresas, permitirá baixar xa desde hoxe o custo do gas a 40 euros megawatt/hora (MWh), cando a finais da semana pasada cotizaba por riba dos 80 euros/MWh, o dobre.

A limitación estenderase durante 12 meses, nos que o prezo máximo irá variando para quedar á fin do período nunha media de 48 euros/MWh. Os 40 euros/MWh manteranse os seis primeiros meses, mentres que os outros seis verase incrementado en 5 euros cada mes até rematar nos 70 euros/MWh en xuño de 2023.

Segundo os cálculos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, isto suporá un aforro ás persoas consumidoras acollidas á tarifa regulada ─a mesma que criticaba hai unhas semanas o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán─ de 15%, aínda que nestes primeiros meses quedará na contorna de 12,5%, lonxe tamén do 30% da proposta inicial remitida a Bruxelas, que se ben recortou os descontos, aumentou a medida no tempo.

As que non notarán cambio algún serán as persoas no mercado libre, pois moitas xa teñen acordado coa súa comercializadora o prezo que pagan por cada megawatt consumido. Si que poderá haber variacións no caso de que decidan renovar ou actualizar o seus contratos. 

Beneficios tamén para as electrointensivas

Tamén sairán beneficiadas do real decreto, validado no Congreso a pasada quinta feira, os clientes industriais, cuxos custos enerxéticos están totalmente expostos ao prezo que marca o mercado, agás nos casos que teñan asinados contratos de compra de enerxía particulares, como están a facer firmas con Alcoa con empresas do sector, como Greenalia ou Endesa.

Neste caso, segundo os cálculos do Ministerio que dirixe Teresa Ribera, a rebaixa estará entre 18% e 20% da factura enerxética, que é o principal custo de moitas industrias, especialmente das electrointensivas, un segmento que na Galiza engloba firmas como Alcoa, Megasa, Ferroatlántica, Xeal ou Celsa Atlantic, entre outras.

Porén, tanto as industrias como as persoas particulares terán que agardar até mediados de xullo, cando as eléctricas emitan as súas facturas, para comezar a percibir os efectos desta medida, que se suma á prorroga do paquete anticrise, no que se inclúe a rebaixa do IVE eléctrico de 21% a 10%; a redución a 0,5% do Imposto de Electricidade, e a suspensión de parte dos cargos fixos que integran a factura.

Aberto o debate europeo

Os Estados español e portugués serán pioneiros en adoptar unha medida que pretende conter a inflación e que no conxunto da Unión Europea pensan xa en replicar. 

"É a primeira vez que a Comisión Europea introduce esta reflexión en público e pon de manifesto que a regulación actual do mercado está desfasada e que necesita unha reforma moi importante", sinalou Ribera, que recoñeceu que buscar un acordo entre os 27, "seguro que leva tempo", pero é "capital" abrir ese debate.

Comentarios