O combustíbel das embarcacións incrementouse 59% entre 1 e 9 de marzo de 2022

O prezo da gasolina subiu 40% nun ano

O prezo da gasolina está marcando máximos históricos. (Foto:Europa Press).

A economía enfronta unha tormenta perfecta condicionada polo aumento dos custos da enerxía. O incremento do prezo dos carburantes cébase con familias e empresas nun momento complicado, após anos de pandemia e paro forzoso. A suba do gasóleo e da gasolina é unha das súas expresións.

A suba dos combustíbeis non dá tregua ás familias galegas. Así, por exemplo, a gasolina superou onte en diversos surtidores galegos os dous euros por litro, marcando un prezo medio na Galiza de 1,88 euros o litro, isto é, 0,54 euros máis que hai un ano e sumando un aumento de 40,29% no último exercicio. Unha situación análoga repítese co gasóleo de automóbil, cuxo prezo chegou onte a 1,82 euros litro, 0,62 euros máis que en marzo de 2021, representando un incremento no período de 51,66%.

Sector pesqueiro

O complexo pesqueiro é dos primeiros en rexistrar paros temporais da actividade pola suba dos carburantes. O responsábel da frota de Porto de Celeiro, Jesús Lourido, explica a Nós Diario que "o gasóleo das embarcacións tense incrementado en 58,8% entre 1 e 9 de marzo, pasando de 0,73 euros o litro a 1,16 euros". A situación estase volvendo "moi complicada", recoñece Lourido, que non considera "posíbel" trasladar ao consumidor final "o incremento dos custos das embarcacións". Nesta liña, agarda por unha xuntanza que manterá a vindeira terza feira con responsábeis do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

"Un barco do pincho, que non é dos que máis combustíbel consume, precisa 20.000 euros de gasóleo para saír ao mar, o que significa practicamente un terzo da súa facturación total, polo que traballar nesta situación non compensa", destaca Lourido, pondo no foco a situación de embarcacións como os arrastreiros. "Un arrastreiro consume arredor de 2.000 litros de gasóleo diarios e non acostuma partir do porto con menos de 50.000 litros de combustíbel", continúa Lourido, que significa que "as contas son doadas de facer: Mentres a pescada en lonxa véndese a unha media de tres euros por quilogramo, o litro de gasóleo está en 1,16 euros".

Complexo gandeiro

No ámbito gandeiro tamén se queixan da situación. O responsábel do sector do vacún da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, advirte en declaracións a Nós Diario que "o aumento do combustíbel chega no peor momento, cando xa están próximos determinados traballos como o ensilado, que nuns casos se acometeron con medios propios e noutros externalizando as tarefas. Sexa como for, as consecuencias van ser moi importantes nas economías das explotacións, porque no que vai de ano o gasóleo agrícola pasou de 0,80 euros a 1,40". "As explotacións enfróntase  a unha tormenta perfecta", advirte Somoza, que pon no foco "as granxas de produción de leite e todas aquelas de carácter intensivo, que son as que máis van sufrir os prezos". Nesta dirección, Somoza lembra que "esta suba vén acompañada dun incremento da factura eléctrica, un gasto moi importante nas granxas de leite e sobre todo nas de polos e porcos e do medre dos custos dos fertilizantes, empregados nos labores de horta pero tamén para facer pastos. Sen ir máis lonxe, os nitratos aumentaron o seu custo no último ano en máis de 100%

Transporte de mercadoría por estrada

O transporte de mercadorías por estrada é un dos sectores que máis padece o aumento dos combustíbeis. A este respecto, o presidente da Asociación Provincial de Transportistas de Pontevedra e directivo da Federación Galega de Transportistas de Mercadorías (Fegatramer), Ramón Alonso, sinala a Nós Diario que "a suba do gasóleo afecta de forma moi dura todas as empresas do sector, até o punto de que xa hai compañías que deixaron de cargar a algúns clientes por negarse estes a aceptar a suba pactada co Goberno do Estado, algo que leva acontecendo nos últimos días no porto de Marín".

O prezo do combustíbel representa 35% dos gastos de explotación dunha compañía de transporte. Neste sentido, Alonso lembra que "o gasóleo pasou de un euro o litro hai un ano a 1,82 euros de hoxe e a tendencia é a seguir medrando, mesmo pasando os dous euros". "Estamos diante duns incrementos inasumíbeis", continúa Alonso, que demanda do Goberno do Estado "a adopción de medidas extraordinarias no ámbito fiscal para minguar o impacto da alza dos hidrocarburos". Así, a denominada Plataforma Nacional de Defensa do Transporte anuncia a convocatoria dun paro para o vindeiro 14 de marzo, do que se desmarcan polo de agora as entidades patronais máis representativas do sector.

Rosa Regueiro

A profesora da Facultade de Económicas da  Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Regueiro, explica a Nós Diario que "os hidrocarburos subiron moito máis que o petróleo".Rosa Regueiro sinala que "o custo dos hidrocarburos está definido polo barril de Brent, os gastos de distribución e loxística e os impostos, que representan entre 45% e 48% do total". Destaca que as compañías recoñecen que no período 2013-2020 as súas ganancias pasaron de 11% a 20%".