As eléctricas fan o seu agosto coa suba da luz

A electricidade é un 16% máis cara na Galiza que na media dos Estados centrais da UE. O custo da electricidade volveu rexistrar máximos históricos. Mentres o encarecemento da luz continúa sen control, as eléctricas están levando adiante unha estratexia comercial destinada a fechar novos contratos referenciados nos prezos de agosto. As organizacións de persoas consumidoras advirten dos seus riscos.
Segue a evolución do prezo da luz en Nós Diario. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo da luz volveu rexistrar onte máximos históricos. (Foto: Europa Press)

O custo da electricidade está disparado e sen previsión dunha rebaixa substantiva a medio prazo. Así, no día de onte o prezo do megawatt situouse en 124,45 euros, o valor máximo de toda a serie histórica, achegándose á cifra de 125 euros por megawatt prevista polo Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE). Porén, os datos de onte atópanse na tendencia de todo o mes de agosto, e presentan unha clara analoxía coas cifras da sexta feira, co megawatt rexistrando unha cotización de 117,14 euros, ou da quinta feira, co megawatt acadando os 122,7 euros a hora. A este respecto, os responsábeis gobernamentais e da OMIE asumen unha alza continuada na electricidade até finais de 2022 ou comezos de 2023.

A luz é un 16% máis cara na Galiza que na media dos Estados centrais da Unión Europea (UE). No día de onte, Francia presentou un prezo de 106,86 euros megawatt, Alemaña de 106,58 euros megawatt e Holanda de 109,54 euros megawatt, sendo aínda maior o diferencial entre os consumidores industriais.

A este respecto, a patronal estatal das electrointensivas, que inclúe empresas como Alcoa, Xeal ou Megasa, destaca como o prezo da electricidade ficou en xullo nos 88,3 euros megawatt fronte aos 40,3 euros megawatt de Francia ou os 59,2 euros megawatt de Alemaña. Nesta liña, os expertos alertan dos riscos deste escenario e advirten dun proceso de deslocalizacións e feches empresariais.

Unha agresiva campaña comercial

As compañías eléctricas están tentando aproveitar a alza dos prezos para aumentar a súa cota de clientes no mercado doméstico. Neste sentido, explícase a agresiva estratexia mercantil, onde xogan un papel chave os operadores telefónicos e os comerciais a pé de rúa, ofrecendo as vantaxes das súas propostas para facer fronte á situación. O principal obxectivo das ofertas lanzadas nas últimas semanas polas eléctricas é arrastrar aos mercados libres aqueles clientes con contratos no mercado regulado, tomando como referencia os prezos do mes de agosto e prometendo rebaixas na factura mediante acordos de 
longa duración.

As asociacións de consumidores veñen denunciando nas últimas semanas estas prácticas. A este respecto, afirman que os prezos no mercado regulado son sempre máis axustados, ao vir fixado o custo da electricidade e a marxe de comercialización polo regulador, a Comisión Nacional do Mercado de Valores, o lexislador e as disposicións do Ministerio de Transición Ecolóxica. Pola súa banda, no mercado libre, as condicións do contrato son resultado dun acordo entre a empresa e o particular, estabelecendo un prezo máis rendíbel para as eléctricas a medio e longo prazo e determinando na práctica totalidade dos casos unhas marxes de beneficios superiores aos do mercado regulado, aproximadamente de 3,11 euros por potencia contratada ao ano.

As ofertas lanzadas nos últimos días toman como referencia os valores da electricidade deste mes de agosto. Neste sentido, as entidades de consumidores advirten de que no caso de baixar os prezos nos vindeiros anos aos niveis do pasado exercicio, arredor de 30 ou 40 euros megawatt, aqueles clientes que formalicen o contrato nestas datas van pasar a pagar dúas ou tres veces máis do prezo do mercado regulado.

As propostas vense favorecidas polo escurantismo e a falla de información achegada polas compañías aos clientes. Unha mostra disto pódese ver na negativa das empresas a dar datos sobre os custos do cambio de mercados ou dos tempos de permanencia, situados habitualmente nun prazo de cinco anos. Ao tempo, unha gran maioría dos usuarios descoñecen o mercado onde están adscritos ou que a incorporación ao réxime libre significa a perda do dereito ao bono social, previsto para aquelas persoas con menos recursos.

Comentarios