As eléctricas cooptan ex cargos públicos

As conexións políticas na suba do prezo da luz

Presidentes da Xunta abrazados a conselleiros delegados de multinacionais enerxéticas celebrando os éxitos electorais. Conselleiras de Medio Ambiente convertidas en directivas de empresas eólicas. Responsábeis da política industrial do Goberno galego recolocados en grupos eléctricos. Eis as portas xiratorias no sector enerxético.
De esquerda a dereita: Beatriz Mato, Antonio Couceiro, Elena Salgado, José Blanco e Arsenio Fernández de Mesa. (Foto: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita: Beatriz Mato, Antonio Couceiro, Elena Salgado, José Blanco e Arsenio Fernández de Mesa. (Foto: Europa Press)

O prezo da luz no Estado español está á cabeza da Unión Europea (UE). Segundo os datos do Eurostat, a finais de 2019 situouse como o quinto Estado do espazo comunitario cos custos máis altos para os consumos domésticos, só por detrás de Alemaña, Bélxica, Dinamarca e Irlanda. Precisamente, a esa altura, a electricidade nos fogares marcou o prezo máis alto de toda a serie do Eurostat, un 16,8% por riba da media da UE.

A factura eléctrica no Estado español rexistrou a maior suba da UE entre 2009 e 2019, cunha alza de 66,8%. Así, a Axencia Europea de Reguladores Enerxéticos (ACER) sinala que nese período o encarecemento no Estado só é comparábel ao dos países bálticos, como Estonia (66,2%) ou Letonia (64,9%), e está moi por riba de Portugal, cifrada en 50,9%. A este respecto, cómpre sinalar que nese país, cuxo mercado eléctrico está integrado co do Estado español no denominado Mibel (mercado ibérico de electricidade), os prezos son inferiores aos do Estado español e á media da zona euro.

O aumento do prezo da electricidade no Estado español non sen explica sen o poder dos operadores enerxéticos e a súa capacidade para condicionar as decisións políticas. Neste sentido é habitual atopar altos cargos gobernamentais en postos directivos das empresas eléctricas, nun xogo de portas xiratorias. Á volta de xaneiro de 2020, a ex conselleira, ex deputada e ex concelleira do PP Beatriz Mato anunciaba a súa fichaxe como alta directiva da eléctrica Greenalia, unha empresa cunha rápida expansión nos últimos anos como consecuencia das concesións da Administración galega.

Beatriz Mato, da Xunta a Greenalia

A Consellaría de Medio Ambiente, dirixida por Beatriz Mato, outorgou a Greenalia diversas autorizacións legais para pór en marcha proxectos, entre eles a central de biomasa en Teixeiro (Curtis). A planta, insignia da empresa na Galiza, librouse en xullo de 2017 de “someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común”, ao “non consideralo necesario” o departamento dirixido por Mato. Ao tempo, o proxecto contou con financiamento a cargo dos fondos europeos que sufragou o 50% do investimento.
Beatriz Mato non é a única ex conselleira ligada a Greenalia. O ex responsábel de Industria e Comercio da época Fraga, Antonio Couceiro, tamén ocupou asento no consello de administración de Greenalia desde 2017, tomando un ano despois participación no seu capital. Couceiro, persoa do aparato do PP coruñés, como Mato, é un caso paradigmático de portas xiratorias na política galega. Após abandonar as responsabilidades públicas, apareceu vinculado a diversas sociedades relacionadas co seu labor gobernativo, como Inveravante, propiedade do falecido Manuel Jove.

As relacións entre antigos responsábeis da política enerxética da Xunta da Galiza e operadores do sector son máis habituais. Outro caso é Ramón Ordás Badía, director xeral de Industria, Enerxía e Minas do Goberno galego entre 1999 e 2005 e cuñado de Luis Castro Valdivia, un dos empresarios máis beneficiados polas concesións eólicas nese período. Após a derrota de Manuel Fraga en 2005, foi nomeado director de Endesa en Portugal. Unha das compañías cuxos resultados económicos dependeron das súas xestións na Administración. Anos máis tarde, tras un proceso xudicial polo seu papel nas concesións eólicas do que saíu sen cargos, Ordás Badía apareceu como conselleiro delegado de Silicio Ferrosolar, propiedade do grupo Villar Mir, corporación apoiada desde a área industrial da Xunta polo propio Ordás.

Elena Salgado en Endesa

Elena Salgado é outra política galega que, como Ordás, atopou acubillo en Endesa. A ministra socialista, responsábel da área económica do Goberno entre 2009 e 2011, e vicepresidenta primeira no último Executivo de Rodríguez Zapatero, desembarcou na eléctrica tan só tres meses despois de abandonar as súas responsabilidades gobernamentais, após o triunfo electoral de Mariano Raxoi en 2011. Co obxectivo de eludir as incompatibilidades da lexislación estatal que impide un ex alto cargo traballar para unha empresa privada durante os dous primeiros anos após abandonar o cargo, Salgado foi contratada por Chilectra, a filial chilena de Endesa, cuxa sede social non está no Estado español.

José Blanco é outro ministro de Rodríguez Zapatero reconvertido en directivo do sector eléctrico. Após deixar o seu escano no Parlamento europeo en 2019, o dirixente socialista centrouse no sector privado, fundando unha consultora co noutrora portavoz do PSOE no Congreso Rafael Hernando e entrando no consello de administración de Enagás en 2020, actividade pola que cobra aproximadamente 160.000 euros ao ano, contía que duplica o salario dun ministro do Goberno do Estado. Enegás, a compañía encargada do transporte do gas natural e xestor técnico do sistema gasístico estatal, ten no seu capital a Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI) e accionistas privados como Amancio Ortega, o Bank of America ou o fondo de investimentos, Blackrock.

Arsenio Fernández de Mesa tamén acabou no complexo eléctrico. Deputado do PP pola circunscrición da Coruña, delegado do Goberno na Galiza durante a catástrofe do Prestige e director xeral da Garda Civil durante o primeiro mandato de Mariano Raxoi en 2017 foi nomeado conselleiro de Rede Eléctrica Española, cunha remuneración de 117.000 euros ao ano. Rede Eléctrica Española é a empresa encargada do transporte da enerxía e está participada maioritariamente pola SEPI.

O espolio

O sociólogo, Andrés Villena, autor do volume Las redes del poder en España e unha das voces autorizadas nos estudos sobre o funcionamento do poder ten sinalado que “as portas xiratorias teñen a lóxica do espolio”. Neste sentido, destaca que as eléctricas “teñen tanto diñeiro que, ao final, estas empresas convértense en propietarias dunha parte do Estado que opera como unha peza máis da súa engrenaxe mercantil. Sen o control da maquinaria estatal as contas de resultados destas compañías e o reparto de dividendos entre os accionistas sería moi diferente”.

As portas xiratorias

A presenza de ex altos cargos gobernamentais ocupando responsabilidades directivas nos operadores enerxéticos é unha constante. A isto ten contribuído a ausencia dunha vontade política decidida para combater este tipo de prácticas pero tamén a falla dunha lexislación clara que as impida. A este respecto é clarificadora a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno que regula o réxime de incompatibilidades para o conxunto dos altos cargos da Administración galega e das diversas entidades do sector público.

Malia ser aprobada pola maioría do Partido Popular co obxectivo de pór freo ás portas xiratorias, nun momento de gran sensibilidade social sobre o tema, demostrouse laxa e insuficiente para dar resposta aos obxectivos marcados. Nesta liña, resulta salientábel o seu artigo 45, que fixa que “durante os dous anos seguintes á data do seu cese, os altos cargos non poderán realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas cos expedientes sobre os cales ditasen resolución no exercicio do cargo”. A práctica encárgase de desmentir o disposto. 

Comentarios