Cada vez máis persoas visitan as praias fluviais para aliviar os días máis calorosos do verán. A enorme biodiversidade que caracteriza os ríos da Galiza converte estes ecosistemas no escenario idóneo para aproveitar o tempo de lecer, especialmente no estío. Nas Rías Baixas existen moitos exemplos destes espazos naturais.
En Pontevedra localízase a praia fluvial de Ponte Sampaio, un deses recintos privilexiados nos que os veraneantes poden conectar coa natureza. O areal, presidido pola ponte románica de Ponte Sampaio, ofrece todo tipo de comodidades.
Entre os principais atractivos desta praia fluvial, bañada polas augas do río Verdugo, figuran un parque infantil, unha zona de pícnic, un bar e duchas.
O público infantil celebra con especial entusiasmo a visita dunha maxestosa familia de cisnes que percorre esas augas con relativa asiduidade.
Non moi lonxe de alí, a menos de 20 km, está a praia fluvial de Monte Porreiro. Nesa contorna paradisíaca, situada á beira do río Lérez, as persoas usuarias desfrutan de servizos de ducha e tamén dun paseo paralelo ao río. As crianzas poden practicar deportes de equipo nunha zona verde moi ampla e refuxiarse da calor nun arboredo próximo.
No río Verdugo, no tramo que discorre por Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra) está a praia fluvial da Calzada, un areal que no seu día foi recoñecido pola calidade das súas augas co distintivo da bandeira azul.
Outro deses enclaves naturais destacábeis é a praia fluvial de Berres, na Estrada (Terra de Montes). O areal está situado a carón dunha zona verde que ofrece refuxio ás persoas nas xornadas máis tórridas.