Ponte... nas ondas! celebrou o Día da Radio

O alumnado do IES Rosalía de Castro no estudio de radio da USC. (Foto: IES Rosalía de Castro)

Máis de 100 centros educativos participaron na programación desta xornada

Para conmemorar o Día Mundial da Radio, que decorre hoxe, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! promove unha xornada de comunicación na que a radio é a protagonista. Nesta iniciativa, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) abriu os seus estudios de radio ao estudantado de diferentes niveis dos centros educativos interesado no mundo radiofónico.

Xunto coa USC, o Edificio Miralles da Universidade de Vigo (UVigo) e a Rádio Universitaria do Minho de Braga funcionaron como emisores da programación preparada para o evento.

Nesta proposta participaron distintas canles profesionais como Radio Tui, Radio Allariz, Radio As Nogais, Radio Burela ou Radio Afifense en Portugal, así como máis dun cento de centros educativos e arredor de 2.000 estudantes de institutos e universidades da Galiza e do norte de Portugal

Promoción da radio nos centros educativos

Segundo explicaron desde Ponte...nas ondas!, asociación recoñecida pola Unesco, o obxectivo desta 12ª edición do Día Mundial da Radio era promover o uso da radio nas escolas "como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda o alumnado a desenvolver a súa competencia oral e comunicativa" ademais  de construír "unha rede de persoas, colexios, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo".

O impulsor de Ponte... nas ondas!, Santiago Veloso, explica a este xornal que a xornada de comunicación entre escolas galegas e portuguesas leva realizándose desde 1995, antes incluso de existir a celebración mundial do Día da Radio, ao que posteriormente se uniron. "Queremos pór en valor o traballo dos centros educativos coa radio escolar e co patrimonio inmaterial", sostén Veloso.

Ademais, fai fincapé na importancia das relacións entre a Galiza e Portugal concluíndo que "desde as escolas temos que formar cidadáns e cidadás con conciencia de que temos un patrimonio compartido e que se debe pór en valor".

As principais actividades que se levaron a cabo foron a emisión dun programa radiofónico en directo, de máis de 15 horas, así como a realización de podcasts, ben sobre calquera cuestión relacionada co patrimonio cultural, ben sobre o tema proposto pola Unesco -"Radio e Paz"-, ou ben sobre as actividades de radio  realizadas nos centros educativos. 

Todas as emisións realizadas desde as diferentes radios e desde a USC e a UVigo foron retransmitidas por streaming no portal Escola nas Ondas. Ademais, a entidade organizadora puxo a disposición da poboación os programas en formato de podcast que foi recibindo ao longo da xornada.