Perto de 2.000 estudantes galegos e portugueses participarán na celebración do Día Mundial da Radio

Combinarase a emisión en directo desde múltiples emisoras con difusión en streaming de podcasts.

ponte  nas ondas

Máis de 40 centros educativos realizarán os seus programas desde diversas emisoras de radio, perto de 2000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión-Galiza e Norte de Portugal celebrando xuntos o Día Mundial da Radio.

A segunda feira, 13 de febreiro, desde diferentes radios e centros de ensino de toda Galiza e norte de Portugal, realizaranse máis de 15 horas de radio en directo. A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga serán os centros emisores a onde asistirán moitos centros educativos a realizar programas.

Tamén o farán outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Allariz, Radio Fene, Radio Burela, Radio As Nogais. Desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén farán programas de radio en directo.

Desde o portal Escolas nas ondas realizarase as emisións de todos os puntos por streaming (www.escolasnasondas.com) das emisións de Vigo, Compostela e demais radios. Tamén serán emitidos os perto de 100 podcasts que xa foron recibidos e que aínda están chegando procedentes de todas as escolas.

Na rolda de prensa r<lizada esta terza feira en Vigo, no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, participou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, xunto cos representantes de Ponte… nas ondas! Santiago Veloso e Xerardo Feijoo e a artista Uxía.

Púxose de relevo a importancia de sumarse a esta efeméride para difundir así o modelo de Ponte… nas ondas!, recoñecido pola Unesco como “modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial”, e que leva xa 27 anos promovendo o emprego da radio nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda ao alumnado a desenvolver a súa competencia oral e comunicativa, ademais de ir construíndo unha potente rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.

Santiago Veloso destacou o labor de Ponte...nas ondas! integrando o patrimonio inmaterial no sistema educativo a través da radio foi recoñecido pola Unesco como un modelo de boas prácticas para todo o mundo.

Xerardo Feijoo, pola súa parte, destacou que se van combinar as emisións en directo desde as radios dos centros educativos coa emisión en streaming a través do portal Escolas nas Ondas das emisións de Vigo, Compostela e demais radios, así como dos podcasts enviados polas escolas galegas e portuguesas elaborados polo alumnado especificamente para o Día Mundial da Radio sobre a temática proposta pola Unesco “Radio e paz”.

Ademais, será a estrea o tema musical e o videoclip “A Ponte”, realizado por diferentes artistas da lusofonía. “Este tema é un himno no que se fala, propiamente, de tender pontes a través da música e da educación”, explicou Uxía Senlle, impulsora da iniciativa e unha das artistas implicadas no proxecto, xunto co brasileiro Chico César, a portuguesa Celina da Piedade ou o mozambicano Cheny Wa Gune, entre outros.

“É un tema no que se mesturan moitos ritmos, que se queda na cabeza e agardamos que ese día todos os nenos e nenas o canten e formen un gran coro”, destacou Uxía.

A orixe desta letra xurdiu nunha gravación en Lisboa en 2010 á que asistiron Uxía e Sérgio Tannus para gravar o “cantar galego” de Zeca Afonso co seu sobriño João Afonso, a primeira colaboración musical galego-portuguesa que xa fora emitida na xornada radiofónica do ano 2000.

Comentarios