O pobo gaña en Meirás 45 anos despois de Franco

Acción dos 19 de Meirás para exixir a devolución do pazo e denunciar as represalias da familia do ditador contra este colectivo.
O Pazo de Meirás non é propiedade da familia Franco e esta terá que devolvelo sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento do inmóbel. Así o dita a xuíza Marta Canales, que declara ademais a nulidade da "doazón" efectuada en 1938 ao ditador

Sentenza "histórica". Eis a palabra de orde que desde esta cuarta feira, 2 de setembro, resoa partindo de Sada a numerosos concellos da Galiza e do Estado, onde a familia Franco continúa a gozar de bens incautados ao pobo durante a guerra e a ditadura.

A poucos días de que se fagan 45 anos do falecemento  de Francisco Franco , chega unha resolución xudicial tan tardía como esperada, que non só dá a razón ao pobo fronte a familia do ditador no xuízo pola devolución do Pazo de Meirás, senón que é "unha sentenza contra o propio Franquismo, a cal nace ademais da Galiza e da sociedade galega", sinala a Nós Diario Manuel Pérez Lorenzo. Este historiador sadense actuou no proceso xudicial xunto ao investigador Carlos Babío como perito da Avogacía do Estado, ao seren ambos autores do libro Meiras. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017). Precisamente, esta obra foi considerada como proba principal no proceso. 

A maxistrada Marta Canales declara na resolución a nulidade "da doazón" efectuada en 1938 do “predio denominado Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma"; e aclara que o mesmo ano en que se efectúa "a doazón", constitúese unha Xunta pro pazo “do Caudillo” para comprar e regalar o inmóbel ao ditador. “O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle regala a el por si mesmo, senón ao xefe do Estado", di a resolución. 

A xuíza tampouco acepta a argumentación da familia Franco sobre a compra que realiza o ditador coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de “ficción” levada a cabo “só co obxecto de pór o ben ao seu nome”. O inmóbel "entregouse á Xunta pro pazo do Caudillo na primavera de 1938 [...] e a Xunta pro pazo fixo entrega formal ao caudillo o 5 de decembro de 1938. O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga [...] e nada compra”, subliña a sentenza.

Sen indemnizar a familia

Desta maneira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estima integramente a demanda interposta polo Estado e declara este propietario do pazo, condenando ademais a familia do ditador a devolver o inmóbel sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento da propiedade.

A "mala fe" de Franco

A maxistrada oponse a indeminizar a familia ao entender que a propiedade foi incorporada ao patrimonio dos Franco “de mala fe”, cuestión que se materializa, di a resolución,  “cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa única finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún”. Lembra ademais a xuíza que o Estado asumiu todos os gastos da residencia estival que foi xestionada e administrada como morada  oficial do xefe do Estado.
Ao entender que as torres de Meirás corresponden ao Estado, a xuíza declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros do ditador se fixeron co inmóbel e a doazón dos predios que se recolle nunha escritura de 1982. 

Tanto a Xunta da Galiza, como o Concello e a Deputación da Coruña e o consistorio de Sada defenderon no xuízo a postura da Avogacía do Estado, fronte á familia do ditador.

Unha longa loita

A familia Franco considerou a demanda presentada polo Estado como atraso desleal polos anos que pasaron, mais a xuíza tamén derruba isto na sentenza, ao recoñecer que “a posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático”.

E é que para chegar a esta resolución a loita foi longa. A sentenza nace formalmente da demanda interposta polo Estado, mais previamente hai un percurso de investigación e reivindicación  colectiva que leva tamén nomes propios. Entre eles, o dos investigadores Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo. "É imposíbel que unha democracia poida convivir con 9 hectáreas de impunidade [as que ten o Pazo] mais aínda queda moito por facer, tendo en conta que detrás desta resolución hai un modelo histórico que debemos exportar a outros casos", di Babío en conversa con Nós Diario.

Ese "modelo" que o investigador apunta baséase en e"contar con movemento e protesta social, o traballo decidido dunha sociedade e unha compilación documental e reconstrución dos procesos elaborada durante máis de 20 anos". Mais tamén nese "modelo" foi fundamental, resalta Babío, o impulso das institucións, coa Deputación da Coruña á cabeza, cuxa vicepresidenta naquel momento, Goretti Sanmartín (BNG), logrou canalizar a reivindicación a través de moitas entidades e dar empurre a este proceso, que finalmente alcanzou unanimidade social e política. "Até o PP non tivo outra que adherirse a esta posición", relata Babío. 

O pulso institucional

Así foi. En 2017 Goretti Sanmartín impulsou desde a Deputación da Coruña a Xunta pro devolución do pazo, un nome que xa de por si era toda unha declaración de xustiza conta a Xunta pro pazo creada en 1937 para entregar o inmóbel a Franco. A motivación para pór en marcha ese proceso xurdiu cando a Fundación Nacional Francisco Franco emprendeu as visitas guiadas do complexo, obrigadas ao ser declarado Ben de Interese Cultural, e facíaas exaltando a figura do ditador.

Como resposta e para conseguir a devolución do inmóbel ao ben público constituíuse esa Xunta con organismos moi diversos como a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. A solicitude de apoio aos concellos superou as expectativas e en pouco tempo sumou adherencias por todo o Estado. 

Sanmartín, hoxe concelleira do Bloque en Compostela, lembra esta loita para Nós Diario destacando tres liñas chaves fundamentais para chegar á sentenza xudicial. A primeira é a mobilización social dos colectivos da memoria histórica, a segunda é o traballo de investigación, no que salienta o "imprescindíbel" libro de Babío e Lorenzo; e unha terceira que é a aposta recollida polas institucións.

Aliás, Sanmartín destaca como chave o informe xurídico presentado desde a deputación hai xa dous anos, autoría de Xabier Ferreira. "Con todo o material de documentación que se recolleu encargamos o informe xurídico, no cal Ferreira sinalou a vía onde claramente se podía gañar xudicialmente: apuntar a que se trataba dunha venda simulada. Sabiamos do risco, porque se perdíamos fecharíasenos unha porta para sempre, mais sabíamos do ben fundamentado que estaba o informe de Ferreira". 

A nacionalista recorda como "houbo que vencer a resistencia do Estado. Comezamos mandando cartas a Patrimonio Nacional, pero dicían que non era da súa competencia, considerando que se trataba de algo político,  por iso ao final foi á Avogacía do Estado e logramos que se implicara". 
Precisamente, sobre o campo  institucional, o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, dixo esta cuarta feira que o pazo "é xa patrimonio de todos. Así o decidiu hoxe a xustiza, avalando os criterios e argumentos que a Xunta trasladou ao Estado. Chegamos até aquí co máximo consenso". Feixoo fixo así referencia ao acordo unánime no Parlamento polo que se instou a Xunta á creación dunha comisión de expertos para elaborar un documento que permitise fundamentar a incorporación do inmóbel ao público .

O BNG e o PSdeG coincidiron en trasladar a súa satisfacción pola sentenza e apelaron a seguir traballando para "restituír" a memoria e avanzar en "recuperar a dignidade das vítimas". "Esta sentenza é histórica e abre as portas a recuperar dignidade", dixo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; mentres que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quixo enfatizar o "innegábel compromiso" do Goberno socialista coa memoria histórica".

A portavoz do Goberno español, María Jesús Montero, celebrou a setenza. "Parécenos de xustiza, é un patrimonio que pertence ao pobo español e tiña que volver ao pobo español". O vicepresidente Pablo Iglesias sinalou que a resolución é unha "magnífica noticia" que "restitúe a dignidade do país".

Para a Deputación da Coruña, en voz do seu presidente, Valentín González, a sentenza é "un gran paso" que "ratifica o que pensa toda a sociedade", en referencia a que o inmóbel debe ser públic o e non dos Franco.

O alcalde de Sada, Benito Portela, cualificou a xornada de "día histórico" para este municipio e para toda a Galiza". 

Unha vitoria chamada a ser o inicio doutras

A sentenza non se pode entender sen a presión social. O 30 de agosto de 2017 un grupo de activistas vinculados ao nacionalismo e á memoria histórica accedeu ao pazo, aproveitando que este estaba aberto para recibir visitas do público. Unha vez no interior, despregaron faixas reivindicando a devolución do inmóbel ao pobo.

"Aquela acción pacífica tivo a súa importancia na medida en que alcanzou relevancia mediática mesmo fóra do Estado, visualizando que o pobo galego segue espoliado polos herdeiros do ditador", sinala a Nós Diario Anxo Louzao, voceiro dese grupo de persoas que logo se denominou 19 de Meirás, ao seren denunciados pola familia Franco por esa acción. Sobre elas e eles pesa unha petición de pena de até 13 anos de cadea por activista e medio millón de multa.

Precisamente a internacionalización do conflito foi moi necesaria para "xerar presión sobre o Estado español", recoñece o investigador Manuel P. Lorenzo, salientando as xornadas pola memoria histórica desenvolvidas en Bruxelas, no Parlamento europeo, onde Meirás foi protagonista, co impulso da representante do BNG na eurocámara, Ana Miranda. 

A familia recorre con medo a un "precedente"

Os Franco xa anunciaron que recorrerán a sentenza. E é que todas as voces consultadas por este medio concordan en que a sentenza é un "precedente" para outros bens que a familia ten no seu poder como herdeira do ditador, por exemplo: a Casa Cornide na Coruña ou o caso das estatuas arrancadas da Catedral de Santiago e obsequiadas ao ditador. 

De feito, desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) sinalan ledicia pola sentenza e apuntan a que a Casa Cornide tamén debe ser recuperada para a cidadanía.