martes 29/09/20

A familia Franco recorrerá a sentenza para non devolver Meirás

O letrado que representa as e os achegados do ditador, que di sentirse "moi decepcionado" co auto emitido esta cuarta feira, apóiase no cobro de quinientas mil pesetas por parte do Concello da Coruña para extinguir o lume de 1978
Pazo de Meirás M.Dylan
Pazo de Meirás M.Dylan

Poucas horas despois de coñecer o contido da sentenza que lles obriga a devolver á cidadanía o Pazo de Meirás, os Franco anunciaron a través do seu avogado que recorrerán a decisión da maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.

O letrado Luis Felipe Utrera asegura que a resolución ten erros e non rebate a argumentación máis importante que aporta a familia do caudillo para manter a posición do inmoble, que xa hai uns anos que quere vender.

Como o proceso xudicial vai seguir activo, Utrera entende que a familia non ten que abandonar a propiedade. Iso dependerá de que haxa unha resolución xudicial firme.

Dado que o auto ten 400 páxinas, o representante recoñeceu que precisa facer un estudo polo miúdo pero, desde o prisma xurídico, dixo non poder "estar máis en desacordo" coa decisión da xuíza.

"A falta dunha lectura en profundidade semella que evita rebatir os argumentos fundamentais da contestación da demanda. Ás veces un pensa que nin sequera se leeu a contestación á demanda", criticou. Utrera subliñou que a resolución parécelle "técnicamente deficiente".

O pago de Carmen Polo

Igualmente, lamentou que o Estado vexa como seu o inmoble "cando todos os españois ou a maior parte, ou os que non están contaminados políticamente, saben que non é así".

Ademais, como xustificación e demostración de que Meirás debe permanecer nas mesmas mans, tirou de hemeroteca para contar que a propiedade quedou destruída en 1978 e "foi reconstruída por Carmen Franco".

"Nese momento o Estado non recordou que era seu", afeou, asegurando ademais que o Concello da Coruña pasoulle unha factura de "quinientas mil pesetas a don Carmen Polo pola extinción do incendio".

comentarios