Investidura

A Xunta ve "un pouco oportunista" a referencia de Sánchez á recuperación do Pazo de Meirás

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sinalou que "xa está todo feito" para a devolución do pazo ás galegas 
Ofrenda floral polo aniversario do falecemento de Valle-Inclán en Compostela (Xunta)
photo_camera Ofrenda floral polo aniversario do falecemento de Valle-Inclán en Compostela (Xunta)

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurou que viu "un pouco oportunista" a parte do discurso de investidura do presidente en funcións, Pedro Sánchez, a respecto da recuperación do Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), porque "xa está todo feito".

"Simplemente hai que, por parte do Estado, defender as formulacións xurídicas para que o ámbito xudicial lle dea a razón" e que este patrimonio, actualmente en mans dos herdeiros de Francisco Franco, pase a patrimonio público.

Así o manifestou Rodríguez en declaracións aos medios antes de participar no Cemiterio de Boisaca, en Compostela, na ofrenda floral a Valle-Inclán con motivo do 84 aniversario do seu falecemento.

Preguntado sobre as palabras de Sánchez no seu discurso de investidura, no que apostou por recuperar este inmoble "canto antes", o conselleiro agradeceu que "se una á iniciativa que se fixou no Parlamento da Galiza e estase executando desde a Xunta" para que este pazo, distinguido como ben de interese cultural (BIC), pase a titularidade pública.

Neste sentido, Román Rodríguez lembrou que a Avogacía do Estado demandou o pasado mes de xullo aos Franco, o que propiciou un proceso xudicial no que tamén participa a Xunta.

Ademais, explicou que os galegos e galegas teñen "moi claras" dúas cousas: "A primeira, que o Pazo de Meirás ten que pasar a formar parte do patrimonio público e, segundo, que non se debe pagar dúas veces. Non debemos achegar recursos económicos públicos á familia Franco".

Comentarios