mércores 05/08/20

O Pazo de Meirás "entregouse a Franco na súa condición de xefe de Estado", din as testemuñas no xuízo

Os autores do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, confirmaron a existencia dun proceso "coercitivo" para a adquisición do inmóbel, con listas negras para os "malos patriotas", así como documentación que acreditaría, segundo expuxeron, que se entregou a Franco na súa condición de "xefe do Estado".

Xuízo sobre a propiedade do Pazo de Meirás (Imaxe: Europa Press).
Xuízo sobre a propiedade do Pazo de Meirás (Imaxe: Europa Press).

Da xestión e os gastos, engadiron que se encargaba "Casa Civil" -organismo baixo a dependencia de Franco- cun funcionamento "similar" ao do Palacio do Pardo e co mantemento a cargo de institucións públicas, entre elas concellos e a Comandancia de Obras. "O Concello da Coruña vai ser unha empresa de servizos de todas as necesidades que se dean", resumiu Carlos Babío na súa declaración durante a segunda xornada do xuízo.

 A preguntas da avogada do Estado, ambos os dous remitíronse á documentación de concellos, pero tamén doutros organismos, entre eles o elaborado por un tenente coronel, que cifra en "millón e pico de pesetas o recadado" a través da subscrición promovida. "Adquíreo, amplía e mellora", engadiu Babío sobre a Xunta pro Pazo após unha escritura, de 1938, na que se centra a demanda do Estado e pola que este organismo compra o inmóbel aos herdeiros de Emilia Pardo Bázan. Segundo a tese da demandante e da Xunta, Deputación coruñesa e os concellos de Sada e A Coruña, isto demostraría que a súa transmisión á familia Franco en 1941 fíxose mediante unha "venda simulada".

"Cando asume o donativo, pronuncia un discurso e promete infraestruturas para a provincia da Coruña e para Galiza", apostilaron no xuízo sobre Franco e o uso do pazo como "residencia estival" do xefe do Estado. Ademais, Lorenzo rexeitou que este aboase ou reembolsase gastos, de forma particular, durante o seu uso.

Máis de cinco horas de declaracións

Nas súas intervencións, nunha declaración que comezou ás 9.30 horas e que se prolongou até as 16 horas, con algún receso, insistiron no fracaso da subscrición popular e rexeitaron, a preguntas dos avogados da familia Franco, que houbese una "certa voluntariedade", con excepción de determinados casos. "O propio contexto implica que non o haxa, cando existe un réxime represivo no que non se tolera a neutralidade", responderon a esta parte, que centrou as súas preguntas en tratar de demostrar que non houbo intervención das Administracións públicas no pazo á morte de Franco, que Meirás é unha propiedade privada e que as achegas foron voluntarias.

"A Falanxe pasaba polas casas", replicoulle Babío. "Nesa época podíanse facer escrituras de compra-venda sen que se efectuase un pago", sentenciou tamén Lorenzo á pregunta de se non era certo que se fixeron compra-vendas ante notario co pago a veciñas e veciños afectados. Antes expuxeron que en 1938 "tomáronse as leiras colindantes" ao pazo, que pasa de 5,7 hectáreas "a máis de nove". Da explotación agropecuaria, Carlos Babío admitiu que os rendementos ían na súa maioría para Franco, a preguntas do letrado que representa a familia.

Na mesma liña manifestouse o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manoel Núñez Seixas, presidente da comisión de expertos que realizou, en 2018, un informe sobre as posibilidades de incorporar ao patrimonio o inmóbel. "Había mecanismos de coerción, desde as visitas de milicianos ás familias porta por porta até a elaboración de listas negras", dixo sobre subscricións similares á empregada, segundo se expuxo no xuízo, en Meirás. "Non era o mesmo pedir para os feridos na fronte que para que ao caudillo se lle comprase un pazo", engadiu sobre o fracaso da subscrición popular.

"Había listas", sinalou Seixas 

A respecto desta cuestión, Babío e Lorenzo explicaron antes que aos concellos se lles asignaban “contías específicas e suplíase o que non chegaba". "Había listas", coincidiu tamén Seixas a respecto dos que non colaboraron e aludindo á "extrema violencia" naqueles momentos. Engadiu que "o propósito inicial era obsequiar unha residencia para que, polo menos unha vez ao ano, se trasladase o aparello dun nacente Estado franquista", até a provincia coruñesa co fin de buscar "a proximidade co poder".

En relación a este debate, que centrou parte do xuízo, admitiu que "o plan" inicial viuse modificado "pola vontade de que ese agasallo non se efectúe ao Estado, senón a Franco como persoa privada", en referencia á venda de 1941. "Pero a respecto das funcións non cambia", engadiu, vinculándoo á figura de Franco como xefe de Estado. Tras a morte do ditador, recoñeceu que o inmóbel pasou a mans dos herdeiros como "ben privado", algo que Manuel Pérez Lorenzo relacionou coa escritura de 1941. "Pasa á familia Franco por unha inscrición que existe", recoñece sobre este documento posto en cuestión pola Avogacía do Estado e cuxa legalidade defenden os Franco.

Na súa declaración, o catedrático Núñez Seixas admitiu que Franco figuraba como "contribuínte", en referencia ao pagamento da contribución, aínda que apostilou que non lle consta que "pagase nada". Mentres, rexeitou, a pregunta da representación dos Franco, a existencia dun proceso "político" con esta causa, incidindo en que a comisión que elaborou un informe para avaliar os "pros" e "contras" da recuperación do pazo fíxoo por un acordo unánime no Parlamento galego.

O Pazo de Meirás "entregouse a Franco na súa condición de xefe de Estado", din as...
comentarios