Renfe afirma "descoñecer" os feitos

Vítimas do Alvia pide a comparecencia dos acusados de borrar datos do convoi sinistrado e Renfe afirma "descoñecer" os feitos

Manifestación das vítimas do Alvia en Compostela, na terza feira 24 de xullo. [Foto: Laura R. Cuba]
A Audiencia Provincial da Coruña recibiu a petición da Plataforma de Vítimas do Alvia de que comparecesen as persoas acusadas de ordenar o borrado de datos do convoi sinistrado, suscrita polo avogado do maquinista imputado. Renfe afirmou "descoñecer" os feitos. O BNG pide chamar a "responsábeis" de Talgo e solicitará que se reactive a comisión de investigación no Congreso.

O 10 de outubro representantes da Plataforma das Vítimas de Angrois, achegaban á Audiencia Provincial da Coruña e a de Santiago a declaración xurada dun ex mecánico de Talgo, a empresa construtora do Alvia sinistrado, na que afirmaba que directivos da empresa ordenáranlle eliminar información relativa a avarías no convoi logo do accidente.

A información achegada provocou o adiamento dunha deliberación da Audiencia Provincial da Coruña, que recoñecía a súa transcendencia á hora de avaliar se as investigacións do caso deben ser reabertas ou se chegou o momento de realizar o xuízo. Nos escritos presentados neste prazo a plataforma de vítimas argumenta que a información achegada debe de ser investigada e solicita a comparecencia das persoas implicadas. A defensa do maquinista, un dos dous imputados polo sinistro e que o día do accidente tomou a curva con exceso de velocidade, advertiu do “grave” da denuncia e adheriuse á petición das vítimas.

Pola outra banda, a defensa do outro imputado, o ex director de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, sostén que a denuncia do borrado de datos non lle afecta, xa que o tren descarrilado “é competencia da empresa ferroviaria Renfe Operadora” e non da xestora da infraestrutura, Adif. Renfe, pola súa banda, afirmou descoñecer “total e absolutamente os feitos” relativos á denuncia do ex traballador.

Os maxistrados da Coruña recibiron tamén outros escritos, como os das defensas de Teresa Gómez-Limón e Cristóbal González, afectadas polo sinistro, e a do maquinista que conduciu o tren até Ourense aquela noite do 25 de xullo. O seu avogado sinala que, segundo o exposto na testemuña do ex maquinista de Talgo, “púxose en perigo a vida dos traballadores e traballadoras a cargo do tren, ademais da dos viaxeiros e viaxeiras”.

As e os maxistrados da Coruña deberán estabelecer unha nova data para a deliberación sobre os recursos presentados ao feche da instrución da causa polo accidente do Alvia. Pola súa banda, o titular do xulgado de instrución número 3 de Compostela, Andrés lago, debe decidir en primeira instancia sobre a petición de máis probas e a comparecencia de novas testemuñas.

O BNG pedirá reactivar a Comisión no Congreso

Esta quinta feira a europarlamentar polo BNG, Ana Miranda, e o cabeza de lista nacionalista para as eleccións xerais, Nestor Rego, explicaron as iniciativas que levará a cabo a formación ao respecto do accidente. Miranda lembrou o procedemento de infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria que a Comisión Europea iniciou contra o Estado. Rego comprometeuse a defender no Congreso a “investigación independente” dos feitos.

Rego destacou que, ademais da comisión de investigación na Cámara Baixa, tamén esixen a "reactivación" da comisión de carácter técnico, a que demandan as vítimas do sinistro para substituír o informe que elaborou a CIAF e que foi criticado pola Axencia Ferroviaria Europea por só responsabilizar dos feitos ao maquinista. Pola súa banda, Ana Miranda instou á Comisión Europea a trasladar o caso polo que faleceron 80 persoas na curva da Grandeira o 24 de xullo de 2013 ao Tribunal de Xustiza "se o Goberno español non cumpre xa o último requirimento".

Na segunda feira representantes do BNG e do Grupo Común de Esquerda solicitaran que se “depurasen responsabilidades políticas”. A líder do BNG, Ana Pontón, criticou o esforzo do Estado en ocultar “probas” do “maior accidente ferroviario da Galiza”. Luca Chao, do Grupo Común de Esquerda, cualificou nunha rolda de prensa a nova información de “lamentábel”. ”Hai que esclarecer a verdade aquí (no Parlamento) e no Estado. Non pode haber xustiza se non hai información”, afirmou. Pola súa banda, PP e PSdeG pediron respecto polas decisións xudiciais.