Directivos de Talgo terían ordenado eliminar información das avarías detectadas no tren accidentado en Angrois

Imaxe do convoi siniestrado o 23 de xullo de 2013 en Angrois (Compostela)
A Plataforma de vítimas do Alvia recibiu unha declaración xurada do ex mecánico que levou a cabo as inspeccións do convoi accidentado. Nela afirma que directivos da empresa ordenaron eliminar o rexistro de avarías do tren media hora despois do siniestro de Angrois. A información chega ás portas da reunión na que a Audiencia Provincial da Coruña ten previsto dirimir os recursos presentados polas partes ao peche da instrución do accidente.

Un ex mecánico oficial de Talgo, Pablo Andrés Jara Torres, declarou á asociación de vítimas que directivos da empresa ordenaron eliminar da base de datos “todas as avarías” detectadas no tren accidentado o 24 de xullo de 2013 en Angrois (Santiago de Compostela) transcorrida media hora do sinistro. No accidente faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

As declaracións foron recollidas nunha declaración xurada que o técnico enviou á Plataforma de Vítimas do Alvia. Segundo indica, o mesmo día do sinistro “transcorrida unha media hora do accidente, aproximadamente sobre as 21:15, varios directivos de Talgo que se persoaron e que non coñecía (...) deron orde taxativa e borrar todas as avarías que tiña o tren desde a base de datos do sistema de xestión das avarías”.

O ex mecánico de Talgo conta que o 24 de xullo de 2013, e os días anteriores a esa data, el foi o encargado de revisar o convoi que descarrilou na curva da Grandeira. Durante os traballos anotou “diferentes avarías”, clasificando algunhas delas como “críticas” dada a súa gravidade. O rexistro foi realizado nun software corporativo que recolle “información relativa ás avarías, tipos, tempos de reparación e información sobre os equipos reparados e subtituídos”.

Na súa declaración Jara Torres engade que os directivos chegaron ao taller de Fuencarral no que se estaba a revisar o tren, acompañados do xefe do taller, José Luis Bayona e o director de mantemento, Luis Alfonso Henar. O técnico indica que “mesmo lles deron os parabéns por conseguir borrar toda esa información”.

Jesús Domínguez, voceiro da Plataforma de vítimas, explica que o ex mecánico de Talgo mantivo varias reunións coa asociación nas que relatou o acontecido: "Como noutras ocasións, persoas relacionadas co accidente acoden a nós. Pedímoslle que accedese a dar a súa declaración xurada para poder presentala e, aínda que non e habitual, accedeu a facelo. Agora solicitamos que se chame a declarar as persoas implicadas".

A Audiencia da Coruña debate este venres o recurso ao peche da instrución

A declaración xurada do ex mecánico chega á Plataforma de vítimas seis anos despois do accidente. O avogado da plataforma, Manuel Alonso Ferrezuelo, solicitou nun escrito ao xulgado que investiga a causa, o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que cite como testemuñas o técnico, o xefe de taller, o director de mantemento e o administrador de sistemas informáticos.

O avogado tamén achegou a declaración xurada de Jara Torres ao xuíz e aos maxistrados da Audiencia Provincial da Coruña. A información é recibida ás portas da reunión do venres 11 de outubro, no que a Audiencia ten previsto dirimir os recursos presentados polas partes ao peche da instrución. "Ten relación e é relevante para a investigación do accidente investigado nas presentes dilixencias", destaca Alonso Ferrezuelo.

Talgo nega a eliminación

Talgo, pola súa banda, asegura que "é tecnicamente imposíbel eliminar" os datos sobre avarías. A declaración deste ex traballador é, segundo o ente, "falsa" e nega "absolutamente" que ocorrese o relatado por el. Informa que tanto a compañía como os directivos afectados "están a iniciar accións legais por calumnias contra o citado ex empregado".