Miranda pide á Comisión Europea que faga públicos os documentos do Alvia do procedemento contra o Estado

Ana Miranda, con Emily O'Reilly, a Defensora do Pobo Europeo.
A portavoz do BNG en Europa defende que é de interese público que se coñezan os informes de seguridade ferroviaria. “Non entendemos que a Defensora do Pobo Europeo recoñeza a magnitude da traxedia e, por outro lado, considere que nesta fase do procedemento o interese público se garante mellor se non se permite o seu acceso”.

A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, defende que a Comisión Europea debe facer pública a documentación de seguridade ferroviaria relacionada co accidente de Angrois que motivou a apertura do procedemento de infracción contra o Estado español en xaneiro deste ano. “Coñecer a verdade do accidente acontecido en Europa nos últimos 25 anos é fundamental para evitar que volva suceder”, subliña.

Dado que o Estado non impulsou a realización dunha investigación independente, nin se depuraron responsabilidades políticas nin técnicas nin se desenvolveu a normativa de seguridade europea que evite outro accidente semellante, Miranda considera que a Comisión debe reconsiderar a súa negativa a facer públicos estes documentos e permitir que a sociedade coñeza “as causas reais” do sinistro.

“Non entendemos que a Defensora do Pobo Europeo recoñeza por unha banda a magnitude da traxedia que deu lugar á reclamación e o desexo de que se esixan todas as responsabilidades e, por outro, considere que nesta fase do procedemento o interese público se garante mellor se non se permite o seu acceso”, manifesta a portavoz nacionalista en Europa en referencia a unha comunicación oficial transmitida onte pola Defensora á propia Miranda tras a xuntanza que mantiveron o pasado 2 de xullo.

Causas reais do accidente
Pese a esta negativa da Comisión Europea a facer públicos os informes nos que se basea o procedemento de infracción, para Ana Miranda, “a esperanza de atopar a verdade e a xustiza para as vítimas sigue estando no procedemento de infracción aberto en Europa”, tendo en conta as repetidas veces nas que tanto ela como as vítimas do Alvia puideron reunirse coa Comisaria de Transporte, Violeta Bulc, e a súa disposición a esclarecer as causas do accidente. “O contrario do que acontece cos ministros no Estado español, tanto os anteriores como Ábalos”, critica.