Marcha en Compostela

Vítimas do accidente de Angrois demandan, máis un ano, “verdade, xustiza e responsabilidades políticas”

Marcharon desde a estación de tren até a Praza do Obradoiro para exixiren unha investigación técnica independente e denunciaren o “menosprezo” de PP e PSOE cara ás vítimas nestes seis anos.

É, nos últimos anos, unha imaxe habitual do 24 de xullo en Compostela: vítimas do accidente de tren de Angrois -81 persoas mortas e máis de 140 feridas- protagonizando unha marcha polas rúas e prazas da zona vella da capital galega en demanda de “verdade e xustiza”.

Convocada pola plataforma de vítimas Alvia 04155, a marcha (que contou coa presenza de representantes de BNG, Anova, En Marea ou Compostela Aberta) transcorreu coa petición dunha investigación independente.

“Isto é clave, non só polas responsabilidades técnicas e para aprender dos erros e que algo así non volva acontecer, senón ademais porque ese informe sería o que debería de estar no xulgado, porque o que está alí é o informe da CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios), que é totalmente parcial. Limitouse a facer caso ao que din Renfe e Adif sen ir máis alá”, manifestou Jesús Domínguez, presidente da Plataforma en conversa con Sermos Galiza.

As vítimas tamén se mostraron moi críticas con PP e PSOE, aos que acusan de “menosprezalos” e de non estaren interesados nunha investigación técnica independente. Algunhas manifestantes portaban imaxes do sinistro e do candidato á presidencia, Pedro Sánchez, no que se lle instaba a permitir esa investigación. Anunciaron que solicitarán unha reunión co presidente en funcións. “É imprescindíbel que se depuren todas as responsabilidades e que se aclare toda a verdade”, reclamaron na praza do Obradoiro, lugar onde rematou a marcha.

Xa pola tarde, ás 19 horas, haberá unha concentración na curva da Grandeira, lugar onde descarrilou o Alvia.

"Xustiza"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que acudiu á marcha coa eurodeputada Ana Miranda, manifestou que "as vítimas e a sociedade galega teñen dereito a pasar páxina e a non seguir vivindo nunha dor provocada por unha ferida que non se pecha, e para iso precisamos coñecer a verdade e ter garantías de que non vai repetirse un sinistro similar, polo que é preciso saber que pasou, estabelecer os responsábeis e garantir todas as medidas de seguridade”.

De por parte, Antón Sánchez, portavoz de Anova e deputado do grupo parlamentar de En Marea, criticou que "o Estado español, fose quen fose o goberno, exerceu estes seis anos de obstaculizador e non de colaborador no coñecemento da verdade".

Adrián Dios (membro da Coordenadora do partido En Marea -representado no Parlamento polo grupo mixto-) dixo que "fai falla xustiza e fai falla verdade", polo que exixe unha "comisión técnica independente".