A Audiencia retrasa o ditame sobre Angrois após a declaración do ex mecánico que denunciaba borrado de datos

A Audiencia Provincial da Coruña recibiu a declaración dun ex traballador de Talgo. Nela explica que examinou o Alvia-01455 os días antes do accidente de Angrois e detectou unhas "avarías" cuxo rexistro sería forzado a borrar. A sala concede tres días ás partes que recorreron o feche da investigación, unha delas a Plataforma de Vítimas, para achegaren nova documentación.

11 de outubro foi a data fixada pola Audiencia Provincial da Coruña para emitir un ditame sobre o feche da causa a redor do accidente do tren Alvia-04155, o último paso antes de fixar unha data para o xuízo. O seu descarrilamento provocou o 24 de xullo a morte de 80 persoas, 144 resultaron feridas. O organismo tomou a decisión de aprazar tres días a súa resolución, após recibir unha petición de suspensión e unha declaración xurada na que un ex mecánico de Talgo desvelaba o borrado de datos sobre avarías no tren sinistrado.

A Audiencia Provincial da Coruña debía estudar os dez recursos interpostos á decisión do titular do sala número 3 da Audiencia Provincial de Santiago, o xuíz Andrés Lago, que puxo punto e final ás investigacións sobre Angrois. O xuíz mantivo como únicos imputados o maquinista do Alvia-04155, Francisco José Garzón, e quen foi director de Seguridade de Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. A Plataforma de vítimas esixiu que a investigación continuase e que máis cargos de Adif e Renfe fosen procesados.

A información achegada pola Plataforma de vítimas pode dar un novo xiro a un caso que xa foi fechado e reaberto en 2016, daquela para realizar novas pescudas. No foco estiveron os fallos nos sistemas de seguranza das vías férreas, así como información relativas ás modificacións levadas a cabo no convoi accidentado. Na súa declaración o exmecánico de Talgo sinala que nos días previos ao sinistro anotara “avarías” , algunhas delas “críticas”, na revisión do tren.

Tres días para presentar nova documentación

O avogado que representa á plataforma, Manuel Alonso Ferrezuelo, achegou a declaración xurada tamén á Audiencia Provincial de Compostela. Alonso solicita a citación como testemuñas do ex mecánico de Talgo, do xefe do taller onde se efectuou a revisión do tren e o borrado de datos; así como do director do mantemento e do administrador de sistemas informáticos da compañía ferroviaria.

O presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Angel Patín Reigada, freou o proceso e ofrece tres días ás partes para que podan “modificar as pretensións deducidas nos seus recursos ou escritos de alegacións”. Pasado o prazo a sala examinará a nova documentación aportada e o sumario do caso.