Mar

A Plataforma en Defensa da Pesca alega contra o proxecto da eólica mariña

Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
Sinala á inviabilidade da pesca nas áreas afectadas polos eólicos.

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños (antigua Plataforma Manifesto Burela), unha vez que non foi considerada a súa proposta de paralización da tramitación do Proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións localizadas no mar, acordou remitir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) unha serie de alegacións.

Desde a plataforma entenden que, de seguir adiante o Miteco coa vontade de proceder a poxar zonas para a implantación da eólica mariña nas augas do Estado español, debería terse en conta a postura do colectivo

Nesta liña, a plataforma traslada unha serie de alegacións que considera "esenciais", no suposto de que "algún proxecto puidese coexistir coa pesca e sen afectación aos ecosistemas mariños". 

A primeira das premisas nas que a entidade fundamenta as súas alegacións é o diálogo público-privado, pois entende que debe ser obrigatorio crear un marco de diálogo con todos os sectores afectados e involucrados.

"A pesca non é compatíbel coa instalación de polígonos de eólica mariña", afirman, "pois nas zonas de ditos polígonos é inviábel a pesca". Con base nisto, a plataforma sinala a necesidade de valorar a posibilidade de coexistencia entre pesca e eólica.

A seguir, engaden que é fundamental contar con todos os informes científicos sobre impactos nos ecosistemas mariños e impactos nas pesca das posíbeis zonas para poxar, o cal debe realizarse antes do deseño de ditas zonas.

Entre as alegacións da plataforma ao proxecto de eólica mariña figura a ponderación das puntuacións para adxudicar os proxectos presentados, no cal considera que debe ser prioritario o aspecto socioeconómico e medioambiental, e non as cuestións económicas, como propón o Miteco. 

Igualmente, o colectivo sinala a importancia de que o Instituto Español Oceanográfico teña un "protagonismo esencial" na emisión de informes, "para preservar e garantir a mellor protección do medio mariño". E, dada a complexidade dos ecosistemas mariños, a plataforma pide que se aumente de 30 a 45 días o tempo dispoñíbel para o exame e valoración dos trámites de avaliación ambiental.

Finalmente, "dadas as grandes incertezas" sobre como pode afectar a eólica mariña aos ecosistemas, exixen reducir as concesións de 30 a 25 anos.