O DEBATE | Son a pesca e a eólica mariña neste momento compatíbeis na Galiza?

A pesca arranca hoxe en Asturias protestas contra a eólica mariña, que seguirán as semanas seguintes en Burela. Fernando de Llano e Gonzalo Rodríguez, economistas, debaten sobre a relación entre pesca e eólica mariña.

Poucas dúbidas

Gonzalo Rodríguez. Economista e profesora da USC

As costas e océanos constitúen bens comúns cuxo uso debe ser regulado. Non todos os usos son compatibles, xa que, cinguíndonos ao caso que nos ocupa, nos parques eólicos mariños non é posible pescar. En Galiza o problema acentúase pola ausencia de alternativas para a frota, xa que 80% das capturas proceden da plataforma continental e no noso caso é moi estreita: 25 km de media. Cómpre ter isto en conta cando comparamos con outros países, do mar do Norte por exemplo, onde entre Gran Bretaña ou Noruega practicamente todo é plataforma continental, facilitando notablemente a compatibilidade de usos, sobre todo contando con frotas moito menos numerosas que a nosa.

Na medida en que lle corresponde ao Estado tomar unha decisión sobre os usos da plataforma debe facelo con criterios de utilidade pública e de modo transparente. Debe ser, por tanto, a maior utilidade social suxeita ao mantemento da capacidade dos sistemas naturais para renovarse. Vexamos os datos.

A pesca constitúe o principal vector de especialización de Galiza, especialización acadada no contexto mundial grazas ao continuado desenvolvemento de vantaxes competitivas ao longo de toda a cadea de valor. Como consecuencia desa especialización existe unha extensa rede de industrias auxiliares e relacionadas, que inclúen, cara atrás, estaleiros, fabricación de cabos  e redes, envases, frigoríficos, transportes de frío, lonxas, ferramentas, maquinarias mecánicas ou efectos navais. Na actualidade tamén consultoría e tecnoloxías sofisticadas procedentes do sector privado, contando cun dos principais sistemas de ciencia mariña de Europa. Cara adiante intégrase nunha cadea de valor que inclúe depuradoras, conserveiras e outros transformados ou comercializadoras.

O resultado é un impacto económico moi elevado en numerosas comunidades de litoral: en Ribeira é 32,2% do PIB, na Pobra 24,2, na Illa ou no Grove 22,7, en Burela 18,6%. Ao mesmo tempo, trátase dun relevante nicho de emprego. Por usar unha fonte homoxénea. Se miramos no Informe Ardán, as empresas armadoras, só as empresas armadoras xeran 3.302 empregos na Galiza; e a eólica, a totalidade da eólica, terrestre e mariña, 34. Si, leron ben, 34, 100 veces menos. E iso que Ardán é unha base de datos que só inclúe sociedades, deixando de lado os autónomos e o seu emprego, inexistentes no caso das enerxéticas, pero numerosos no caso da pesca.

Un informe do Banco de España indica que é nas fases de instalación onde máis emprego se xera. Porén, eses efectos non só se reducen significativamente rematada a construción, senón que o emprego pasa a ser fundamentalmente foráneo, vinculado ás empresas de mantemento e control, emprazadas xeralmente nas principais áreas urbanas, atendendo cada unha a varios parques e realizando parte das actividades a distancia. De modo que os beneficios económicos e sociais se acumulan fóra dos concellos onde se producen os investimentos. Nin a eólica terrestre nin a mariña contribúen a fixar poboación.

Revisando o listado de centros industriais que publica a patronal eólica, obsérvase que na Galiza esta actividade carece de contexto industrial, limitado a fabricación de torres e plataformas, de valor engadido limitado, fronte aos compoñentes críticos, as palas por exemplo, que na súa meirande maioría se importan. As actividades asociadas á eólica na Galiza son, fundamentalmente, mantemento e control. Merece realmente a pena erosionar unha fonte de riqueza sostible tan longamente traballada como é a pesca ou máis ben deberíamos apuntalar os sectores nos que somos máis fortes?


A eólica mariña como oportunidade

Fernando de Llano.Profesor da UDC e economista

A UE propón pasar dos 12GW instalados actuais aos 100-150GW en 2050. De feito as expectativas de subministración de electricidade son elevadas, xa que para 2030 agárdase que a eólica mariña chegue a cubrir o 14% da demanda, alcanzando o 30% en 2050. Segundo as perspectivas que manexa a UE entre o mar do Norte, o mar Báltico e o Atlántico Nororiental, do que forma parte Galiza, atópase máis do 85 % de toda a capacidade eólica mariña europea. O vento mariño nestas localizacións é de maior calidade. É precisamente a UE quen anima a atopar puntos de encontro entre as actividades económicas que explotan o mar e conseguir a compatibilidade de todas elas.

A eólica mariña está a dinamizar xa a economía galega. O estaleiro S.M.E Fene de Navantia SA converteuse nun referente como construtor de estruturas para proxectos de eólica mariña a nivel mundial, e vén sendo líder en amarres de fondeo mariño, denominados comunmente “jackets”, estruturas metálicas que abandonan a panorámica ferrolá cara todo o mundo.

Con isto, poderíase dicir que é unha tecnoloxía tractora, por canto o seu impacto é positivo tanto na cadea de valor do sector enerxético eólico, no futuro do hidróxeno verde, como no sector naval. De feito, o desenvolvemento da eólica mariña vai implicar a aparición de novos servizos coma o de reparación e mantemento das infraestruturas eólicas en alta mar, para o que será necesario cubrir a demanda de fabricación e montaxe de compoñentes e de embarcacións especializadas na instalación e operacións de mantemento, propias do sector naval.

Na Folla de Ruta para o desenvolvemento da eólica mariña e das enerxías do mar elaborada polo Ministerio, sinálase que esta tecnoloxía pode converterse nun polo de atracción e de referencia en capacidade industrial relacionado co desenvolvemento e demostración de novas solucións tecnolóxicas e de I+D+i, ademais de potenciar un mellor coñecemento do medio mariño. Pola súa banda, o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima do Ministerio (PINEC) remarca o impacto positivo da aposta por esta tecnoloxía, e confirma a existencia de sinerxias cos diferentes elos industriais da cadea de valor, como os estaleiros, a enxeñaría civil, a industria de produción e transformación do metal, a de extracción e produción de materias primas, as industrias electrointensivas e a enerxética. En termos de impacto no PIB, a eólica mariña flotante podería chegar aos 4.600 millóns de euros e os 7.700 millóns, e os empregos poderían situarse en torno aos 43.600 e os 77.800, en función do éxito da atracción de investimentos. Neste punto, a Asociación Empresarial Eólica sinala que a nivel de eólica mariña, o incremento anual de profesionais roldará os 7.500 no período 2025-2030, e os 17.500 de incremento anual entre 2045 e 2050. Póndoo en contexto, e tamén segundo datos da patronal, actualmente o emprego no sector eólico emprega perto de 30.000 profesionais, cifra que afirman que pode máis que dobrarse en 2030.

Sobresae nos documentos oficiais a referencia a uns espazos críticos e diferenciais cos que conta Galiza: os portos e portos exteriores como polos de atracción das industrias desta tecnoloxía. Estaría ben incorporar ao debate político a posibilidade de propor ao Goberno central a creación dunha nova zona franca no norte de Galiza (Ferrol, A Coruña) que teña ao sector da enerxía e ao naval como polo de atracción das industrias da súa cadea de valor, liderada polas tecnoloxías eólicas, mariña e tamén terrestre. Os impactos no territorio serían, sen dúbida moi positivos, en termos de creación de emprego e de dinamización industrial. Localizacións como As Somozas ou As Pontes poden servir como apoio complementario estratéxico. Por que non?

Comentarios