O Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de informar que tres barcos pesqueiros galegos que se atopan actualmente nas proximidades da zona na que afundiu o 'Vila de Pitanxo "reforzarán a vixilancia" na procura dos 12 mariñeiros desaparecidos á espera de que as autoridades canadenses reactiven o dispositivo de salvamento.
Os tres barcos, dous de Cangas e un de Vigo, foron contactados polo ministerio para que "maximicen a capacidade de detección e ver se efectivamente aínda fose posíbel atopar algún corpo nesas circunstancias", referíndose ás condicións meteorolóxicas adversas do mar de Terranova.
O titular da carteira de Pesca, Luis Planas, agradeceu a colaboración dos barcos pesqueiros, que continuarán con esta "vixilancia" mentres seguen a faenar na proximidade do Canadá.
Por outra parte, a secretaría xeral de Pesca "tamén se comprometeu a intentar mobilizar o maior número de medios posíbeis pesqueiros", segundo afirmou o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, durante un acto en Ourense.
Compromiso do Goberno do Canadá
Mentres, o ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, indicou esta sexta feira que o Goberno canadense manifestou a súa "vontade" de retomar a procura dos mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitantxo' fronte ás costas de Terranova.
Albares falou na noite da quinta feira coa súa homóloga canadense, Melanie Joly, e recibiu outras dúas mensaxes súas nas últimas horas. Segundo contou nunha entrevista en Onda Cero, a diplomática trasladoulle a "vontade, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan", de continuar "cos esforzos na medida do posíbel".
O ministro subliñou que a busca tivo que suspenderse polas condicións meteorolóxicas adversas, "con ondas de máis de oito metros, visibilidade moi curta e temperaturas de tres graos baixo cero (-3ºC) que fan practicamente imposíbel continuar os labores de procura e que mesmo poñen en risco a vida dos equipos de rescate".