Persoal da limpeza de hospitais: "Somos imprescindíbeis, pero non se nos ve nin se nos valora"

Servizo de limpeza de hospitais (Imaxe: Clece).
O persoal da limpeza, un servizo privatizado desde hai máis de tres décadas, critica que o Ministerio de Sanidade o considere "de baixo risco".

"En máis de trinta anos non saín do hospital de Conxo (no concello de Compostela), mais non son persoal sanitario, a nosa vida laboral está nos centros hospitalarios, mais somos un sector privatizado", expón Carme Cambón, delegada da CIG e traballadora da limpeza.

O da limpeza foi un dos primeiros servizos privatizados no Sergas. Un acordo de 1988 asegurou a equiparación profesional do persoal. E acordos asinados en 2008, 2009 e 2018 incluíron o plus de equiparación salarial das case 4.000 traballadoras, case todas mulleres, do sector en case todos os centros. Porén, outros dereitos como un plus da carreira profesional foron obviados en 2019 por algunhas das concesionarias, o que levou a unha convocatoria de folga en abril que ficou en suspenso.

En máis de trinta anos non saín do hospital de Conxo, mais non son persoal sanitario, expón Carme Cambón

Un informe do Consello de Contas, no que se analizaron os contratos dos servizos de limpeza correspondentes ao ano 2015, advertiu que nos expedientes non se inclúen estudos que certificasen as vantaxes da privatización sobre a xestión directa. O organismo tamén sinalou que os procesos de contratación seguían criterios que "non sempre son realistas".

No contexto da epidemia, Cambón afirma que a externalización supuxo un prexuízo á hora de acceder a equipos de protección: "Somos imprescindíbeis, se para a limpeza para todo o demais, pero non se nos ve nin se nos valora".

"Suponse que o noso centro non trata doentes da COVID-19, que están centralizados no CHUS (o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela), mais unha compañeira deu positivo hai días. Presionamos a empresa para que fixese as probas, esta responde que non as pode facer e demandámolas ao centro e este responde que somos externas", resume.

Pilar Seoane é unha das empregadas da limpeza no CHUS. "Ao principio era un caos sen formación nin información", explica. Nos primeiros días da emerxencia sanitaria contaban cunhas batas "fantásticas", ademais de Equipos de Protección Individual (EPI). "Mais foron requisadas polo Sergas para repartilas onde fixesen máis falta", engade.

Que me digan como limpar a un metro de distancia do paciente, cuestiona Pilar Seoane

O persoal da limpeza foi cualificado "de baixo risco" polo Ministerio de Sanidade. "Limpamos tamén os cuartos con doentes da COVID-19, que me digan como facelo a un metro de distancia do paciente", cuestiona Seoane, matizando que neses contan con EPI.

Nas restantes áreas, tras a intervención de Inspección de Traballo, empregan máscaras cirúrxicas. "Ao comezo pedíase unha máscara a unha supervisora e a contestación era 'que cha dea a túa empresa'", di. 

O día a día do persoal celador

Ángel Bergueiro traballa como celador no hospital de Conxo. "Aínda que non esteamos en contacto directo con doentes da COVID-19, traballas con nerviosismo porque non sabes se alguén pode estar contaxiado", afirma.

Ao igual que as empregadas dos servizos de limpeza, o persoal celador tamén foi clasificado nun inicio de baixo risco. "Supuxo un golpe no ánimo, pois os profesioanis tamén estamos presentes nas Unidades de Coidados Intensivos ou en Urxencias con pacientes da COVID-19", explica, matizando que hoxe a clasificación depende da área de traballo.

"Empregar os EPI é horríbel, non quero imaxinar a situación para quen os leva horas. Mais o material é preciso, e pedimos que se achegue a onde é necesario, tamén aos centros de saúde", reclama Bergueiro.