As pensións de xubilación de 58.271 maiores están por baixo dos 176 euros ao mes

A UE urxe ao Estado a reformar as pensións antes de fin de ano (Foto: Arxina).
A Comisión Europea vén de urxir o Estado a acometer a reforma do sistema de pensións. O comisario de Economía, Paolo Gentiloni, ameaza con suspender as achegas dos fondos Next Generation “se España non cumpre de forma satisfactoria”. De feito, a reforma proposta polo ministro Escrivá leva a pegada da UE.

A Unión Europea (UE) está decidida a mudar o réxime das pensións no Estado español. A súa proposta, na liña da exixida a Grecia en 2010 ou ao Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en 2011, pasa por ampliar a base de cálculo das pensións para axustalo á vida laboral. Neste sentido, o comisario de Economía da UE, Paolo Gentiloni, vén de advertir ao Executivo de Pedro Sánchez que a reforma do sistema de pensións debe ser “sostíbel fiscalmente” para recibir os fondos europeos asociados, sinalando que “de considerarse que non se cumpriron satisfactoriamente todos os fitos e obxectivos asociados a un tramo, suspenderase parcialmente o pagamento”.

A proposta de ampliar a base de cálculo das xubilacións formulada polo ministro español de Inclusións, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, leva a marca da Unión Europea. A mesma foi incluída polo Goberno español dentro das reformas a executar para acceder aos fondos Next Generation. Neste sentido, os estudos realizados por equipos de investigación, entre eles  o Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social (GIPPS)  da Universidade de Valencia adiantan unha caída do poder adquisitivo de todas e todos xubilados.

A alternativa presentada por Escrivá afectará, especialmente, a mulleres e traballadores por conta propia. Así, o GIPPS sinala que "detectamos un posíbel problema de discriminación indirecta por razón de xénero, xa que as mulleres presentan carreiras laborais máis curtas”. Ao tempo, significa que “os colectivos máis prexudicados polo alongamento do período de cómputo serían 
os autónomos”.

A pensión é o principal ingreso para 769.766 cidadás e cidadáns residente na Galiza. Segundo os dados achegados polo último informe Mercado de traballo e pensións, elaborado pola Axencia Tributaria, 373.223 xubilados son homes e 396.543 son mulleres, sendo moi inferiores os ingresos recibidos por elas a través das pensións, sexa por recibir salarios inferiores ao longo da súa vida laboral, for por presentar baleiros na mesma como consecuencia dos labores desenvolvidos no ámbito dos coidados ou do fogar.
De media, as mulleres aceden á idade de xubilación con 11 anos menos cotizados que os homes.

Así, entre as persoas que fixeron 64 anos en 2010, os homes acumularon 34,5 anos de alta laboral mentres as mulleres ficaron en 26. A situación aínda é peor no grupo de idade superior a 65 anos, onde os homes achéganse a 45 anos cotizados e as mulleres fican en 24. Neste sentido, enténdese que 60% da poboación con pensións inferiores a 649 euros son mulleres.

A pensión media anual na Galiza foi de 14.498 euros en 2021. A este respecto, a contía situouse para os homes en 16.707 euros e para as mulleres en 12.419 euros. Porén, unha parte importante da poboación xubilada recibiu unhas cantidades moi inferiores. Así, 58.271 pensionistas cobraron 2.103 euros anuais, 191.478 recibiron menos de 7.625, e 245.942 pensionista cobraron menos de 10.779 euros ao ano. Neste sentido, a comparativa dos exercicios de 2020 e 2021 deixa claro que os beneficiarios das pensións máis baixas téñense incrementado en 35% nese período. 

As pensións galegas situáronse á cola do Estado español na pasada anualidade, recibindo só unha contía inferior as xubiladas e xubilados estremeños, cunha pensión media anual de 13.421 euros. Asemade, nese exercicio, os pensionistas de Castela-A Mancha  pasaron a cobrar 21 euros máis ao que os galegos. 

A pobreza

356.299 pensionistas son pobres e outros 162.355 viven na pobreza severa. A este respecto, o informe presentado no pasado mes de setembro pola Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social na Galiza (EAPN-Galiza) sobre O estado da pobreza no país recolle que “356.299 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre, 46,3% do total. 56,6% no caso das mulleres e 30,8% no dos homes”. Asemade, sinala que Galiza é a comunidade autónoma "cun maior índice de pensións por baixo do limiar da pobreza severa para ambos os sexos: 13,4% para os homes e 27,7% para as mulleres”.

O relatorio destaca que “Galiza ostenta a máis elevada porcentaxe do Estado de pensións por baixo do limiar de pobreza (46,3%), tanto para mulleres como para homes”. Asemade, sinala que “máis da metade das mulleres (56,6 %) teñen pensións con importes por baixo do limiar da pobreza e case un terzo dos homes (30,8%) están na mesma situación” e que “a porcentaxe de pensións na Galiza baixo o nivel de pobreza é 10,8 puntos porcentuais máis elevado que a media estatal”.