A ONU avaliará en xuño, tras pedir a Xunta un aprazamento, a falta de información ambiental de San Finx e Varilongo

Vista das instalacións da mina de San Finx, en Lousame, que a compañía Sacyr acaba de vender á australiana Rafaella Resources (Foto: Sacyr).
A cita fora convocada para o 22 de marzo, pero o Goberno galego solicitou aprazala ao mes de xuño.

O Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus (ACCC), dependente da ONU, abordará no mes de xuño a queixa que varias entidades trasladaron pola falta de información solicitada á Xunta en relación ás minas de Varilongo e San Finx e que teñen que ver coa avaliación de impacto ambiental.

A cita fora convocada para o 22 de marzo, pero o Goberno galego solicitou aprazala ao mes de xuño.

A propia Xunta da Galiza confirmou a solicitude deste aprazamento en relación (indicou na resposta) ás denuncias de Petón do Lobo e O Ouriol de Anllóns, aínda que fontes explicaron que hai adicionalmente outras entidades adheridas.

Así, a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación manifestou que este asunto "reactivouse" agora en 2023, "sen que a Xunta tivese constancia até o mes de febreiro", polo que solicitou incluíla na seguinte reunión "co obxectivo de poder estudalo en profundidade".

O representante no Convenio de Aarhus é o Estado español, pero as denuncias teñen que ver con competencias da Xunta relativas ao medio ambiente, polo que o Ministerio para a Transición Ecolóxica "acompañará" os representantes da Administración gañega "nos trámites e audiencia que determine o comité de cumprimento", segundo unha resposta parlamentaria ofrecida por este departamento ao deputado de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, quen previamente preguntara por esta cuestión no Congreso.

Nesa mesma resposta, o Goberno español lembra que "a xestión en materia de protección de medio ambiente é competencia" das comunidades e o Estatuto de Autonomía da Galiza outorga a xestión das augas que discorran dentro do territorio.

O propio Goberno estatal lembra, na súa resposta, que a avaliación desta cuestión por parte do Comité de Cumprimento do Convenio de Aarhus (con referencia ACCC/C/2017/153) iniciouse en xullo de 2017 e foi admitido en marzo de 2018.

Concretamente, refírese ás peticións de información realizadas polas partes interesadas en 2017 a diferentes organismos dependentes da Xunta.

Desde outubro de 2019 non houbera ningunha comunicación relativa ao mencionado caso até o 26 de xaneiro, cando o secretario do comité enviou cartas ás partes e ao momento Focal Nacional do Convenio de Aarhus, "indicando a intención de incluír o asunto na próxima reunión do comité do 22 de marzo".

Mais a Xunta, con "competencias exclusivas" neste caso, "solicitou un aprazamento ao seguinte comité, previsto para xuño" e que será o día 15.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, "realizará un labor de acompañamento e coordinación" dos representantes da Xunta responsáneis deste caso nos trámites e audiencia, tal e como confirma na resposta".

Pregunta no Congreso

Na súa pregunta rexistrada no Congreso, Gómez Reino sinalou que varias entidades denunciaran "a vulneración dos dereitos de participación pública" en materia de medio ambiente e de acceso á información ambiental en relación ás explotacións mineiras de San Finx e Varilongo.

Os denunciantes explicaron no seu momento que as explotacións, aprobadas en 2009 e 2011, fixérono "sen procedemento de avaliación de impacto ambiental", e que se aprobaron tamén os plans de restauración sen a preceptiva fase de información pública que estabelece a Lei de Minas de 1973.

Neste sentido, lembra que diversas entidades solicitaron información ambiental para "demostrar estes extremos", o cal foi "denegado ou obstaculizado".

En 2018, o ACCC acordou a admisibilidade preliminar da queixa. Nese momento, a Xunta alegou que a avaliación de impacto ambiental "non era necesaria para ningunha das explotacións, que non existía contaminación con metais pesados e que as presas de residuos mineiros abandonadas non o eran, entre outras falsidades", sinala o deputado.

Xa en 2021, o organismo de conca iniciou un procedemento sancionador por verteduras "ilegais" contra a concesionaria da mina de Varilongo, ao "verificar contaminación con metais pesados", e novembro de 2022 a propia Xunta iniciou expediente de caducidade das concesións mineiras de Varilongo, ao "comprobarse as irregularidades" que se denunciaron e que, critica Gómez Reino, o Goberno galego "negou" en 2018 e 2019.

Con todo, recentemente a Federación Galega de Ecoloxistas en Acción interpuxo nos Xulgados de Santiago de Compostela unha denuncia penal contra varios altos cargos da Consellería de Economía, Empresa e Innovación por "non proceder a declarar a caducidade das concesións da mina de Varilongo", en Santa Comba, propiedade da mesma empresa de San Finx.

Respecto diso, denunciaron que "non era o único favor que a Xunta lle fixo á mineira australiana en Santa Comba, pois deixou caducar un procedemento sancionador por verteduras de metais pesados, o que supuxo contaminación de ríos próximos", sentenciaron.