O Observatorio Eólico da Galiza sitúa Mazaricos como exemplo de negociación

Vacas repousan ao pé dunha fileira de muíños eólicos na Serra do Xistral, no municipio de Abadín, na comarca da Terra Cha (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O Goberno municipal de Mazaricos, liderado polo nacionalista Juan Blanco, sinala a preocupante proliferación de parques eólicos que pretenden ser instalados ao carón das vivendas. Á súa vez, o portavoz do Observatorio Eólico da Galiza, Xavier Simón, explica que o modelo de negociación desenvolto no parque eólico da Ruña, no municipio mazaricán, é quen de conseguir acordos xustos que deixen rendas nas zonas afectadas polos muíños.

O Concello de Mazaricos explicou esta segunda feira nun comunicado que "continúa a defender os intereses da veciñanza ante o proxecto de sete novos parques eólicos no municipio". O alcalde, Juan Blanco, do BNG, sinalou "que a proliferación de novos proxectos é preocupante debido á localización dos mesmos, xa que afecta tanto a terras de cultivo, ao Camiño de Santiago ou mesmo a núcleos de poboación". 

O rexedor sinalou que “os usos económicos e sociais do solo non se están tendo en conta á hora de autorizar novos parques no noso municipio”. Por parte do Concello, sinalou Blanco, “non podemos permitir que dúas das fontes de riqueza do municipio, como son o sector agrogandeiro e o turístico, se vexan afectadas por priorizarse unha actividade económica que non ten unha achega directa comparábel á economía local e vén cargada de externalidades”. 

Actualmente, están en fase de tramitación sete parques, incluíndo A Picota I e II, Alvite I e II, O Vao e San Cosmeiro. "Se no pasado os parques eólicos adoitaban situarse no alto dos montes e en áreas despoboadas, con poligonais de pequeno tamaño, este non é caso destes proxectos", afirma o comunicado do municipio mazaricán.

"Os novos parques situaranse en zonas habitadas, sobre terreos de uso social e económico e con liñas de evacuación que afectan gravemente á contorna", continua. “Preocúpanos que, ademais, este nivel de ocupación do territorio nin sequera se xustifique desde o punto de vista da produción enerxética, cuxo nivel non será moi alto”, engade o alcalde.

Fronte a estes proxectos, o Concello de Mazaricos salienta "o retorno económico que o parque A Ruña significará para as comunidades veciñais grazas a unha negociación exitosa coa empresa promotora". 

"A Xunta non incentiva a participación veciñal"

O portavoz do Observatorio Eólico da Galiza, Xavier Simón, lembra que "o modelo eólico da Xunta da Galiza non incentiva a participación veciñal nin a compensación económica das comunidades afectadas". A maior parte das rendas dos concellos e comunidades locais, lembra o experto, “derivan das negociacións cos promotores, que adoitan ser grandes empresas con capacidade persuasiva”. Como resultado, as rendas medias obtidas pola instalación destes parques "son decote reducidas".

Porén, o portavoz do Observatorio Eólico salienta que "este non foi o caso en Mazaricos". O Parque Eólico A Ruña ten en termos de renda anual para a veciñanza, e froito da negociación dos actores locais mazaricáns, como o Concello, coa empresa promotora, "un pagamento anual por megawatt que multiplica por 2,5 o valor medio na Galiza.

De feito, "tendo en conta que moitos parques se negocian por moito menos, cremos que no caso da Ruña pode ser unha renda catro veces superior a de moitos outros parques da Galiza”, engade. Froito desas negociacións, unha vintena de asociacións locais recibirán 72.000 euros anuais durante 30 anos. 

O caso de Mazaricos demostra, a xuízo de Xavier Simón, “que hai marxe nas empresas para deixaren máis rendas no ámbito local”. O experto considera Mazaricos “exemplo disto” e considera que “os responsábeis da negociación fixeron un moi bo traballo”. Así, o do Parque Eólico a Ruña en Mazaricos constitúe “un caso único en toda a Galiza”, destaca.

Nace unha plataforma en defensa da Ruña

Por outra parte, a plataforma Salvemos A Ruña vén de ser constituída para defender este cumio, "o máis alto da Costa da Morte", dun novo proxecto hidroeléctrico que está a proxectar a empresa Xeal.

A vocal do colectivo, Francesca Valle, explicou a Nós Diario que solicitan ao Concello de Mazaricos  e a Xeal "unha reunión para que expliquen ben e con claridade como vai ser o proxecto e a realidade da súa afectación".