Madrid oponse ás medidas de aforro malia producir só 4,8% da enerxía que consome

Na Galiza, país excedentario, a situación é diametralmente oposta: consome apenas 72,3% da enerxía producida.
Isabel Díaz Ayuso, nun acto recente no Concello de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso, nun acto recente no Concello de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Máis un conflito político entre o Goberno estatal e o da Comunidade de Madrid, desta volta a conta do 'Plan de aforro enerxético' anunciado por Moncloa. A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, publicou nas súas redes sociais unha contundente mensaxe: "Madrid non se apaga".

Alegou Díaz Ayuso que medidas como o apagado do alumeado dos escaparates a partir das 22 horas "xera inseguridade e espanta o turismo e o consumo". Porén, a resposta por parte do Executivo español non se fixo esperar e a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, cualificou as declaracións da líder madrileña de "temeridade" e "insolidariedade".

Tamén a ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, sinalou que xa é "costume" que Ayuso dea ese tipo de titulares. "Sempre demostra egoísmo e falta de solidariedade", dixo. E igual de taxante foi o presidente, Pedro Sánchez: "En España a lei cúmprese".

Desde Moncloa instaron o líder do PP no Estado, Alberto Núñez Feixoo, a "pór orde" en Madrid. Con todo, desde a dirección do partido mostraron unha postura morna e aseguraron "entender o enfado" de Isabel Díaz Ayuso, se ben tamén lles "preocupa" a situación actual, polo que se abren a "sentar con Sánchez" e reformular o plan.

"Os presidentes das comunidades autónomas e os alcaldes son quen teñen autonomía para aplicar ou non as medidas que propoña o Goberno", dixo o coordinador estatal dos conservadores, Elías Bendodo.

A Galiza produce, Madrid consome

Cómpre salientar que, segundo o balance enerxético de 2021, publicado por Rede Eléctrica de España (REE), a Comunidade de Madrid ficou á cola en xeración enerxética, quer renovábel quer fósil, con 1.333,8 xigawatts/hora (XWh), un rexistro só superior aos de Melilla (208 XWh) e Ceuta (199 XWh). Deste modo, produciu apenas 0,51% da enerxía total do Estado español.

Porén, Madrid é o terceiro territorio co maior consumo, só por baixo de Catalunya e Andalucía, con 27.413,2 XWh, isto é, 10,7% do conxunto estatal. Estes datos evidencian, por tanto, que a comunidade presidida por Díaz Ayuso só produce 4,86% da enerxía que consome.

No extremo oposto da balanza fican outros territorios excedentarios como as dúas Castelas, Aragón ou a Galiza, que só consome 72,3% —17.510,3 XWh— da enerxía total que produce 24.210,9 XWh—.

Comentarios