Máis de 20 Concellos únense polo leite

A suba da inflación e o paro nos transportes están a provocar unha situación complicada para o sector lácteo galego. Máis de 20 Concellos veñen de enviar unha carta conxunta á ministra de Transportes, Raquel Sánchez, na que piden solucións para rematar coa crise na distribución e asegurar a cadea dos alimentos.
A crise inflacionista e os paros no transporte están afectando as explotación leiteiras, tendo incluso que tirar boa parte da produción (Foto: Europa Press).
photo_camera A crise inflacionista e os paros no transporte están afectando as explotación leiteiras, tendo incluso que tirar boa parte da produción (Foto: Europa Press).

A escalada inflacionista e o paro nos transportes están a xerar unha situación moi complicada no sector leiteiro, que se está vendo abocado a desbotar centos de miles de litros de leite.

Unha situación que vén de levar máis de 20 Concellos galegos nos que a produción láctea é un sector estratéxico a asinar unha carta, á que puido acceder Nós Diario, dirixida ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para instalo a sentar co sector e adoptar solucións. 

Entre os Concellos asinantes atópanse Mazaricos, Santa Comba, Frades, Trazo, Mesía, Curtis, Touro, Tordoia, A Pastoriza, Castro de Rei, Sarria, Cospeito, Guntín, Chantada, Taboada, Palas de Rei, Portomarín, Lalín, Rodeiro e Silleda.

Mazaricos é un dos municipios galegos con maior produción neste sector, con 100.000 litros de leite diarios saíndo do concello con destino á industria dos produtos lácteos.

É por iso que o rexedor mazaricán, Juan Blanco (BNG), vén de estabelecer contactos durante as últimas dúas semanas con outras Alcaldías así como coas Administracións galega e estatal para intentar forzar solucións a unha situación que afoga as 177 explotacións leiteiras do municipio. De feito, tan só na primeira semana da crise nos transportes, a gandaría de Mazaricos tivo que desfacerse de máis de 100.000 litros de leite, o equivalente á produción total de todas as granxas da localidade durante unha xornada enteira, tendo mesmo que sacrificar unha parte dos animais. 

A insistencia de Blanco por abordar a situación provocou que esta semana se achegasen ao municipio o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Na reunión, na que participaron un cento de responsábeis do sector leiteiro da comarca do Xallas, Blanco lembrou aos representantes do Executivo galego a importancia dun sector que produce 127 millóns de litros de leite cada ano. Aliás, o rexedor denunciou que os seus esforzos e contactos durante máis dunha semana non estaban a servir para que se achegasen solucións.

González lembrou que o sector está tamén afectado pola suba das materias primas e afirmou que faría unha petición para urxir o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a pór en marcha a nova lei de Cadea Alimentaria, de maneira que se estabeleza a prohibición da venda a perdas.

O rexedor Juan Blanco, en conversa con Nós Diario, afirma que "o sector lácteo, que é fundamental para Mazaricos, non pode ser refén da actual situación". Explica que, polas características do sector, que traballa con animais vivos, este é especialmente vulnerábel nestes momentos". Blanco tamén reclama "unha maior sensibilidade cos efectos que un paro prolongado ten na produción leiteira, non se trata de apagar unha máquina e agardar".

Pola súa parte, o concelleiro de Agricultura de Lalín, Avelino Souto (PP), declarou a Nós Diario que o problema se está a notar moito no municipio, un dos que máis vacas ten do país, ao que hai que engadir unha importante produción porcina e avícola. "Se o sector primario xa non estaba nun bo momento pola suba dos pensos, combustíbeis e os fertilizantes, súmase agora o feito de que estamos na época grande de custos no campo e toda esta situación agravouse coa crise do transporte", explica. Unha crise que provocou que algunhas gandarías "tiveran que tirar o leite xerando perdas nalgunhas explotacións de até 8.000 euros". Tamén "houbo problemas cos pensos" por mor do "atraso na subministración dos mesmos", detalla Souto. 

Carta á ministra

Na carta que máis de 20 Alcaldías enviaron á ministra de Transportes os Concellos amosan unha "enorme preocupación polas consecuencias que pode ter na actividade" das explotacións gandeiras "o paro do transporte de mercadorías que se comezou  o pasado 14 de marzo". Sinalan que hai "empresas que non están recollendo o leite" das granxas e que "a maioría das industrias agroalimentarias galegas non poden sacar o seu produto rematado cara á distribución". Os municipios tamén demandan garantir "servizos esenciais" como o transporte dos cereais e do resto de materias primas, o das producións agroalimentarias desde as explotacións agrarias ás industrias e asegurar a chegada dos produtos industriais elaborados ás empresas de distribución.

Na quinta feira unha parte da representación dos transportistas negociou co Goberno estatal e levantou as protestas, mais outras entidades continúan co paro de camións. 

Falta de implicación das Administracións

O rexedor de Mazaricos, municipio coa maior produción de leite da Galiza, Juan Blanco, vén de contactar durante as últimas semanas con distintas Administracións para intentar que se busquen solucións a unha crise que está afectando especialmente á produción leiteira.

Comentarios