O Supremo rexeita os permisos dobres para familias monoparentais

Unha muller embarazada. (Foto: Nós Diario)
Os maxistrados da Sala do social do tribunal desestimaron a petición dunha nai dunha familia monoparental que solicitou unha prestación polo nacemento e coidado do seu fillo adicional á que gozara.

O Tribunal Supremo estimou un recurso da Fiscalía e unificou doutrina para rexeitar os permisos dobres monoparentais por nacemento e coidado de fillo, ao non ver cobertura legal para avalalos, subliñando que a súa función é "a aplicación e interpretación da norma, mais non a creación do dereito".

Os maxistrados da Sala do social do tribunal desestimaron a petición dunha nai dunha familia monoparental que solicitou unha prestación polo nacemento e coidado do seu fillo adicional á que gozara. Dese modo, rexeitaron que no caso das familias monoparentais se conceda un prestación co dobre de duración.

O caso chegou ao Supremo despois de que a muller presentase unha demanda contra a decisión do Instituto Nacional da Seguridade Social de non permitirlle gozar tamén da prestación por nacemento e coidado de menor que lle correspondería ao outro proxenitor.

O Xulgado do Social Número 5 de Bilbo desestimou aquela demanda e, tras presentar recurso, o caso pasou a mans do Tribunal Superior de Xustiza (TSX) de Euskadi, que corrixiu a decisión inicial e deu a razón á muller. Ante tal resolución, a Fiscalía acudiu ao Tribunal Supremo para pedir que se unificase doutrina.

A postura da Fiscalía

O Ministerio Público considerou "errónea" a interpretación do TSX vasco e insistiu en que "a regulación actual responde a unha política social plenamente xustificada" e en que correspondía ao lexislador "valorar" as circunstancias para modificar o devandito sistema.

Alegou, ademais, que o feito de que unha muller traballadora que forma unha familia monoparental só teña dereito a gozar dun só permiso de catro meses non supón unha discriminación indirecta.

Na sentenza, o Supremo explicou que desestimar o argumento da Fiscalía e confirmar a sentenza do TSX "implicaría varias consecuencias que interferirían sensibelmente na orde normativa".

Segundo sinalaron os maxistrados, "suporía crear unha prestación contributiva nova en favor dos proxenitores de familias monoparentais que, ademais, quedaría estritamente limitada á duplicación da duración da mesma" e alteraría a "configuración deseñada polo lexislador".

En 31 folios, o tribunal reiterou que "unha intervención de tal calibre dista moito do que a organización constitucional do Estado encomenda aos xuíces e tribunais".

O Supremo recalcou que "a intervención no ordenamento xurídico que exixe unha pretensión como a que se sostén no presente procedemento só lle corresponde ao lexislador, sen que a mesma poida ser suplida a través de resolucións xudiciais que vaian máis aló das súas propias funcións xurisdicionais".

Os maxistrados subliñaron que ao tribunal non lle corresponde "a modificación do réxime prestacional da Seguridade Social, nin a modificación da organización da suspensión do contrato de traballo por causas previstas na lei".

"O que se nos pide vai máis aló do que significa 'interpretar e aplicar o dereito' e sitúase no ámbito da súa creación", insistiu o Supremo para logo engadir que "a discusión sobre se o sistema resultante de protección ás familias monoparentais é ou non o mellor dos posíbeis excede con moito das funcións dos órganos xurisdicionais".

Neste sentido, o tribunal manifestou que a normativa na que non se contemplan os permisos dobres para familias monoparentais "nin resulta contraria á letra ou ao espírito da Constitución Española, nin se sitúa á marxe da normativa internacional, especialmente do dereito da Unión Europea (UE)".

"O recoñecemento ao único proxenitor dunha familia monoparental da prestación por nacemento e coidado de menor que lle correspondese ao outro proxenitor en supostos nos que xa se lle recoñeceu dita prestación propia non resulta unha exixencia que derive nin da Constitución, nin de ningunha norma da UE, nin de ningún acordo ou tratado internacional ratificado por España", recalcou.

A maioría da Sala defendeu que neste caso non corresponde aplicar a perspectiva de xénero "porque non hai discriminación", senón un "eventual déficit de protección concreto querido e consentido polo lexislador".

Discrepancia

Esta resolución contou co voto particular discrepante do maxistrado Ignacio García-Perrote, ao que se adheriu a presidenta da Sala, Rosa María Virolés. Ao seu xuízo, o tribunal debería desestimar o recurso da Fiscalía e confirmar a sentenza do TSX vasco porque a muller "tiña dereito" a unha prestación dobre como nai nunha familia monoparental.

Ambos concluíron que a decisión da maioría da Sala "non contén xustificación nin razoamento algún do porqué no presente caso se aparta da doutrina" do propio tribunal.

Así, incidiron en que "o principio de integración da dimensión de xénero obriga a xuíces e tribunais a incorporar a perspectiva de xénero no exercicio da potestade xurisdicional atribuída" pola Constitución.

García-Perrote e Virolés insistiron en que a Sala, en ocasións anteriores, levou a cabo unha interpretación "en base, precisamente, ao interese superior do menor e á perspectiva de xénero".