Pode unha familia monoparental ampliar o permiso de maternidade a 32 semanas? Isto é o que defende a Xustiza galega

Un Xulgado da Coruña recoñece o dereito a ampliar o permiso de maternidade a 32 semanas dunha nai que era proxenitora única e a quen a Delegación do Goberno impediu ampliar a prestación.
Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
photo_camera O Xulgado determina que os menores de familias monoparentais están nunha situación "desfavorábel" fronte aos de familias biparentais. (Foto: UGR / Europa Press)

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña vén de ditar un auto no que estima o recurso presentado pola única proxenitora dunha familia monoparental e recoñece o seu dereito a ampliar até 32 semanas o período de permiso polo nacemento da súa filla.

No fallo, difundido polo sindicato USO, o Xulgado determina que os menores de familias cun só proxenitor están nunha situación "desfavorábel" a respecto dos das familias biparentais. Contra esta sentenza non cabe recurso e condena en costas á Delegación do Goberno estatal, organismo que denegou a concesión do permiso de 16 semanas correspondente ao proxenitor distinto á nai.

É o segundo auto neste sentido obtido polos Servizos Xurídicos de USO, após o recurso impulsado por LSB-USO-Euskadi a respecto da discriminación cara a unha familia monoparental, conseguindo que a Xustiza recoñecese o dereito a ampliar o permiso de maternidade en dez semanas adicionais.

A demandante foi nai en agosto de 2021. Por resolución da Delegación do Goberno, recoñecéuselle o dereito ao permiso de nacemento e coidado do menor, sendo ela a única proxenitora, e constituíndo así unha familia monoparental. A traballadora gozou do seu permiso de agosto a decembro de 2021.

En outubro do mesmo ano, presentou un escrito á Delegación solicitando que se lle concedese tamén o "permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica", regulado no artigo 49 c) do RD Lexislativo 5/2015 (EBEP), cunha duración de 16 semanas, ao reunir todos os requisitos legais e regulamentarios para o seu recoñecemento, por ser familia monoparental, estabelecidos en numerosos pronunciamientos da orde xurisdicional social. Porén, a solicitude foille denegada.

A afectada interpuxo unha demanda contra esa resolución, solicitando que se ditase sentenza a fin de que se lle recoñecese o dereito ás prestacións acumuladas por nacemento e por coidado durante 32 semanas, das cales xa lle foran recoñecidas 16. Na argumentación, esgrímense razóns de discriminación cara ás familias monoparentais e trato contrario aos dereitos do menor.

Lourdes Pedrazuela, secretaria de Políticas Sociais, Igualdade e Formación de USO, mostrouse satisfeita co recoñecemento xudicial deste dereito, xa que "reducir o permiso por maternidade ou paternidade a 16 semanas ás familias monoparentais supón unha discriminación fronte ás familias que están constituídas por dous proxenitores".

"Do mesmo modo que nas devanditas familias, o menor ten dereito a coidados durante 32 semanas, e tense que tratar de forma igualitaria ao fillo da familia monoparental, constituída por unha soa nai ou pai. Desta maneira, o menor ten as mesmas oportunidades de coidado polo mesmo período de tempo", defendeu.

Comentarios