Estudan ampliar a seis meses os permisos para o coidado de crianzas

Os ministerios de Dereitos Sociais e Igualdade estudan ampliar a duración dos permisos de maternidade e paternidade a seis meses.
A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra (Foto: Cézaro de Luca / Europa Press).
photo_camera A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra (Foto: Cézaro de Luca / Europa Press).

A ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, anunciou que está a traballar co Ministerio de Igualdade, con Irene Montero á cabeza, para ampliar o permiso de paternidade e maternidade dos catro meses actuais até os seis meses.

"Imos traballar para que os permisos de paternidade e maternidade se amplíen até os 6 meses", anunciou a ministra esta cuarta feira durante un acto en Madrid no que afirmou que o Estado español "ten unha conta pendente coas familias con bebés recentemente nados". 

Segundo afirmou, Belarra é consciente "do complicado que é conciliar co traballo e ter que deixar un bebé aos catro meses ao coidado doutras persoas, e do difícil que é manter a lactación materna exclusiva tendo que incorporarse de forma prematura ao traballo".

Outro dos aspectos que queren introducir nestes permisos é a posibilidade de que as nais e pais que crían sós gocen do seu permiso e do que correspondería ao outro proxenitor en caso de ter unha parella, co obxectivo de que as súas fillas e os seus fillos "gocen do mesmo coidado", tal e como destacou.

A ministra comentou algunhas das chaves da futura lei de diversidade familiar, en fase de consulta pública, na que xa recibiu máis de 250 achegas, e que prevé ter lista a finais de ano.

En concreto, anunciou que a norma na que traballa o seu departamento incluirá unha prestación universal por crianza de fillo que permitirá crialos "con dignidade".

"A nosa intención é que esta prestación non dependa, a diferenza das xa existentes, de cuestións como a cotización á seguridade social e debe ser compatíbel con outras prestacións que se outorgan por outras razóns diferentes", subliñou a ministra antes de apuntar que a proposta debe dialogarse "no seo do Goberno español". 

Comentarios