O pleno do Concello da Coruña aproba denunciar a familia Franco pola Casa Cornide

Detalle da concentración de onte ante o Concello da Coruña (Foto: Nós Diario).
No debate, a oposición ao completo reprochou aos socialistas que non presentasen a demanda para a recuperación da Casa Cornide.

Os grupos da oposición no Concello da Coruña (PP, BNG, Marea Atlántica e a concelleira de Podemos) reclamaron ao Goberno local liderado por Inés Rei (PSdeG) a presentación da demanda xudicial pola Casa Cornide, para lograr a devolución ao patrimonio municipal deste inmóbel actualmente propiedade da familia do ditador Francisco Franco.

Fixérono no debate dunha moción promovida pola entidade Defensa do Común que busca impedir a venda do inmóbel por parte dos Franco e que levaron esta cuestión ao pleno da man do BNG, Marea Atlántica e a concelleira non adscrita, Isabel Faraldo.

Nela, instábase o Concello á recuperación da Casa Cornide e exixindo aos socialistas que presenten "antes de que acabe 2022 a correspondente demanda xudicial para anular o título de propiedade do inmóbel e para a súa incorporación ao patrimonio público da Coruña".

Por parte do PP houbo unha emenda que foi aprobada (grazas aos votos favorábeis do PP e a abstención do PSdeG), instando a iniciar os trámites para interpor a demanda xudicial, mais excluíndo o aspecto relativo a que a Xunta da Galiza formalice a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

A postura dos grupos

No debate, a oposición ao completo reprochou aos socialistas que non presentasen a demanda para a recuperación da Casa Cornide. O edil da Marea Atlántica, Alberto Lema, exixiu que "se abandone a política do esquecemento".

"Até en cinco ocasións se preguntou no pleno", expuxo o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, en relación a este tema. "Incumpriu o compromiso político", sinalou, á súa vez, o concelleiro popular Roberto Coira sobre os acordos plenarios a este respecto e en referencia ao Goberno local.

"Percorrido diferente ao de Meirás"

Por parte do Executivo local coruñés, o concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín, expuxo, á súa vez, que neste asunto estase pendente de que a Xunta "dunha vez anuncie de maneira definitiva a declaración BIC" para presentar a demanda xudicial. "É outro percorrido diferente ao de Meirás", manifestou o edil, que incidiu na necesidade de saber "que existe no interior" do inmóbel.