O Museo de Pontevedra consegue a máxima subvención para rehabilitar os seus edificios centrais

O vicepresidente da Deputación de Pontevdra, César Mosqueira (Foto: Deputación de Pontevedra).
O proxecto para a rehabilitación do Museo foi un dos 181 seleccionados de entre os 1.020 presentadas e alcanzou unha puntuación de 51,75 puntos.

O Museo de Pontevedra vén de conseguir unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) no marco dos fondos do Next Generation para realizar as obras de consolidación, restauración e interconexión mediante o subsolo dos seus edificios centrais situados na Praza da Leña.

Trátase da primeira inxección de fondos externos que consegue o Museo para iniciar unha obra “moi necesaria para o futuro da Institución”, segundo destaca o vicepresidente da Deputación de Pontevedra César Mosqueira.

O proxecto para a rehabilitación do Museo foi un dos 181 seleccionados de entre os 1.020 presentadas e alcanzou unha puntuación de 51,75 puntos. Outros 799 expedientes de solicitude non foron aprobados e outros 140 nin sequera pasaron á fase de valoración por incumprimento dos requirimentos ou desestimento das Administracións solicitantes.

A petición económica da Deputación no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) fixérase en xuño de 2022. Calculárase sobre un custe total elixíbel da obra (sen impostos) de 3,8 millóns de euros e un orzamento total ( tamén sen impostos) de 6,5 millóns de euros.

A súa aprobación supón unha “grande satisfacción”, entre outras cousas (destaca Mosqueira), porque se acadou o importe máximo ao que se podía optar na convocatoria, unha contía que se entendía difícil, pero que no seu momento se presentara con bastante confianza de bos resultados porque se cumprían todos os criterios exixidos. 

No expediente presentado polo Museo á convocatoria subliñábase que o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais “é un claro expoñente da visión integral promovida polo PIREP, unindo criterios de eficiencia enerxética que responden ás directrices do Pacto Verde Europeo con outros de sustentabilidade, inclusión e calidade arquitectónica da Nova Bauhaus”. A proposta da rehabilitación (dicía a solicitude) “garante o cumprimento dos prazos previstos, o aforro enerxético e a incorporación de altos estándares de calidade arquitectónica en consonancia co conxunto patrimonial dos edificios do Museo de Pontevedra”.

Un proxecto “sólido, innovador e oportuno”      

Os seis criterios de valoración puntuábeis segundo as bases do PIREP facían referencia á calidade, enfoque integral, innovación, gobernanza, solidez e oportunidade do proxecto presentado.

Sobre o primeiro valor, a calidade, na candidatura do Museo subliñábase que a obra é “unha intervención exemplificativa sobre un BIC, axuntando unha arquitectura de recuperación de valores orixinais na cal conviven achegas de diferentes épocas cun uso museístico contemporáneo, tecnificado, sostíbel, dixitalizado, accesíbel e flexíbel que permita un funcionamento diario óptimo e a correcta conservación preventiva do propio ben e das obras que contén.

Sobre o enfoque integral, o Museo defendeu que ademais da redución do consumo enerxético en torno a 80%, a reforma introduce accesibilidade completa aos inmóbeis ao estabelecer unha plataforma única por piso, e entre plantas, mediante ascensores, estando os inmóbeis comunicados entre si por un soto.

No que ten a ver coa innovación, a proposta do Museo agora subvencionada incorporaba tres puntos fundamentais: primeiro, a innovación enerxética, cun aforro en torno a 80%, parte do emprego dunha bomba de calor xeotérmica auga-auga debido ao grao de protección patrimonial do edificio e da contorna.

A rehabilitación das edificacións en canto á gobernanza, salienta o Museo, é o resultado da xestión e interacción con diferentes axentes sociais, baseada en criterios de responsabilidade compartida, participación, transparencia e eficiencia. Indicouse aquí a cooperación institucional entre o  Concello de Pontevedra e a Deputación.

Sobre a solidez da proposta de rehabilitación presentada, na xustificación da candidatura o Museo subliñou que desde o fechamento ao público en 2014 dos edificios centrais sucedéronse diferentes iniciativas para solución da accesibilidade, todas elas incompatíbeis coa catalogación dos edificios, ata que en 2020 se puxo sobre a mesa o programa específico de actuacións técnicas conxuntas para a restauración dos edificios que engloba o desenvolvemento da actual proposta mediante unha conexión subterránea con encaixa na protección patrimonial e a normativa urbanística.

Finalmente, no relativo á oportunidade do proxecto e á súa subvención, o Museo de Pontevedra defínese como unha das principais institucións culturais da Galiza,  “polo que a rehabilitación de dúas das súas sedes primixenias é unha demanda cidadá desde hai anos, fundamental para o futuro da institución”, lembra o vicepresidente Mosqueira.