174.000 persoas visitaron o Museo de Pontevedra en 2022

O exercicio do pasado ano conseguiu as mellores cifras da década
Inauguración da exposición de Anxo Cabada no museo. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Inauguración da exposición de Anxo Cabada no museo. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O Museo de Pontevedra fechou o ano 2022 coa mellor cifra absoluta na última década con case 174.000 visitantes, conseguindo a cuarta posición na evolución desde 2005 e quedando ás portas de 2009, cando se chegara a 175.823 visitas. Así o indicou hoxe a Deputación de Pontevedra, apuntando que as cifras superan amplamente as da pandemia e tamén as dos anos inmediatamente anteriores, chegando incluso a duplicar as de 2019.

Os datos do ano pasado mostran un aumento de máis de 47.000 visitantes con respecto ao ano anterior de 2021 -cun total de 126.775-. Os mellores meses, indicaron desde a institución, foron agosto -que rexistrou o récord absoluto da década chegando ás 43.755 entradas- e tamén setembro (26.213), xullo (22.299) e outubro (19.149). Os meses de menor visita foron febreiro e decembro.

Segundo subliñou o director Xosé Manuel Rey, un dos aspectos que supuxo un incremento significativo con respecto ao ano anterior foi a recuperación das visitas de grupos organizados, tanto escolares como doutra índole, após as restricións da pandemia.

Así, mentres no ano anterior apenas entraran no museo 2.355 escolares, en 2022 a cifra chegou a 8.436, case cuadriplicándose. A evolución dos grupos non escolares tamén supuxo un aumento: fronte ás 2.770 persoas que entraron en excursións organizadas ou similares en 2021, no pasado exercicio foron 7.820.

Desde o museo indicaron que os datos tamén son positivos no referido ás visitas individuais, con 34.582 asistentes. Así, indicaron, resulta rechamante o número de entradas rexistradas en xaneiro do ano pasado, cando accederon ao museo 4.163 persoas, a cifra máis alta do ano despois de agosto. 

Exposicións máis visitadas en 2022

A exposición de maior éxito foi Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional da Galiza, con 14.402 visitas; seguida de Arte prehistórica. Da rocha ao Museo (10.053), A presenza invisíbel. Perfumes, Art Nouveau & Art Decó (4.150) e De Babiano Méndez Núñez a Mendoza Babiano (...), con 4.096 visitas.

Comentarios