O Museo de Pontevedra mostra a influencia de Galiza na obra de Cristóbal Gabarrón

‘Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade’ inaugurarase o 16 de marzo ás 18.30 horas e poderá visitarse ata o 14 de maio.
Unha das salas da exposición.
photo_camera Unha das salas da exposición.

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra inaugurará a vindeira quinta feira, 16 de marzo, a exposición Gabarrón Atlántico. Ronsel de Saudade, que, comisariada polo crítico de arte Antón Castro, mostrará, por primeira vez, a influencia da Galiza na obra do artista murciano Cristóbal Gabarrón.

Con esta mostra, que estes días ultima a súa montaxe, reúnense por primeira vez as pezas de Cristóbal Gabarrón vinculadas coa Galiza. Nela poderase gozar da diversidade de linguaxes, materiais e formatos cos que traballa o creador murciano. 

A obra presente mostra a influencia da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, e tamén da tradición da pedra desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade.   

Carácter nómade

Cristóbal Gabarrón naceu en Mula (Murcia) en 1945, pero aos seis anos trasladouse a Valladolid, onde adquiriu a súa primeira formación. A súa creación reflicte o seu carácter nómade, que o levou a viaxar por múltiples países e a ter a súa residencia principal en Nova York.

Na actualidade desenvolve o seu traballo entre Estados Unidos e España. Ten un vínculo estreito coa Galiza, onde, desde finais dos 90, pasa longas tempadas na súa casa e estudio en Bueu. Esta terra e, sobre todo, o océano Atlántico deixan unha pegada directa na súa obra. 

A súa obra defínese como “antropocéntrica”, situando o individuo, a conciencia  e os valores humanos como piares nos que se asenta. As súas esculturas para o espazo público atópanse en lugares relevantes de grandes cidades europeas e estadounidenses. E importantes institucións museísticas como o Chelsea Art Museum, o IVAM ou o Centro Niemeyer dedicáronlle retrospectivas.  

Comentarios