As mulleres e as persoas que presentan algunha comorbilidade (varias enfermidades ao mesmo tempo) teñen unha maior probabilidade de padecer Covid persistente, segundo un estudo do Hospital Germans Trias, a Fundació Lluita contra les Infeccions e o Instituto de Investigación da Sida IrsiCaixa. O estudo, feito en Barcelona (Catalunya), publicouse no día de onte na revista The Lancet Regional Health Europe, segundo informaron os promotores nun comunicado.
A investigación realizouse a partir dun seguimento de 548 persoas que tiveron o coronavirus hai máis de dous anos (207 das cales recuperáronse ao 100% e 341 desenvolveron Covid persistente) e permitiu identificar factores médicos e socioeconómicos asociados co risco de desenvolver esta enfermidade.
En concreto, as persoas con antecedentes de enfermidades autoinmunes ou as que presentan fatiga, taquicardia ou alteracións neurocognitivas e neurosensíbeis durante a Covid-19 aguda teñen un maior risco de desenvolver a doenza e unha menor probabilidade de superala co tempo. Pola contra, a análise estatística do estudo permitiu identificar que os homes son os que menos posibilidades teñen de desenvolver Covid persistente.
"Comprender a Covid"
A coordinadora da Unidade de Covid Persistente do Hospital Germans Trias, Lourdes Mateu, explicou que é "fundamental" definir e comprender esta doenza e as súas implicacións para identificar estratexias de prevención, diagnóstico e tratamento que axuden as persoas afectadas.
"Con este obxectivo, e de forma pioneira, decidimos facer un seguimento exhaustivo e a longo prazo dos pacientes", afirmou Mateu, nun contexto en que entre 5 e 10% das persoas que pasan o coronavirus continúan a presentar unha gran variedade de síntomas meses despois da infección.