Os casos de coronavirus confirmados na Galiza polo Centro Nacional de Microbioloxía elévanse a 27 e hai tres máis en estudo.
Así o trasladou nunha comparecencia ante os medios o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, acompañado do subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, e do xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, tras presidir a comisión de seguimento do coronavirus.
Na comparecencia, Feixoo avanzou que, durante 15 días, fíxase o límite de visita dunha persoa por paciente ingresado en calquera hospital galego e a unha visita por interno nas residencias de maiores.
Así mesmo, recoméndase optar por consultas telefónicas no canto de ir ao hospital, sempre que sexa posíbel; e limitarase o aforo de eventos a 1.000 persoas.
A nivel estatal, o boletín das 13.00 horas recollía 418 positivos máis que ás 18,00 horas desta segunda feira. 35 persoas faleceron e 135 curáronse desde o inicio da epidemia.