Un milleiro de estudantes de Educación piden concentrar oposicións e prazas en 2021

Oposicións (Xunta)
A plataforma reclama que a Consellaría de Educación agrupe as prazas do proceso suspendido este ano por mor da COVID-19 e as de 2021. Unha decisión, defenden, que tamén beneficiaría as aspirantes tituladas.

Nestas semanas de confinamento tras o decreto do estado de alarma, coa meirande parte dos procesos de oposición en suspenso, a Xunta da Galiza teimou en manter celebración das probas a profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato e mais FP no mes de xuño.

Sindicatos e mais opositores criticaron esta decisión, mantida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, co argumento "de preservar os dereitos das opositoras". Das aspirantes a Educación, cando menos. O día 21 deste mes, nunha comparecencia ante a Deputación Permanente, a conselleira de Educación Carmen Pomar anunciou un cambio na postura da Administración e o adiamento da convocatoria.

Agora, máis dun milleiro de opositoras e opositores agrupados na plataforma Opos2021XustasParaTodxs reclaman que en 2021 se agrupen as prazas convocatorias deste e o vindeiro ano no eido da educación. "O máis lóxico é a celebración dun único proceso", propón este colectivo integrado por estudantes do mestrado de profesorado e mais dos graos de Maxisterio Infantil e de Primaria da Galiza.

Este alumnado acusa unha "situación de vulnerabilidade" en caso de que o prazo de inscrición na vindeira convocatoria teña lugar unha vez finalizado o estado de alarma e non no propio 2021. "Sería unha incoherencia", aseguran, á vez que trasladan o seu apoio ás actuais aspirantes as prazas de ensino.

As opositoras tituladas, apuntan desde a plataforma, tamén se verían afectadas pola decisión da Xunta xa que o feito de inscribirse no proceso "impediríalles computar o tempo traballado como interinas o vindeiro curso e acreditar outros méritos que puideran obter" até a celebración das oposicións. "Un agravio comparativo fronte as aspirantes que xa teñen a puntuación máxima", lembran.

A plataforma tamén advirte das consecuencias do aprazamento para o ensino público, ante o risco dunha redución da oferta de prazas na vindeira convocatoria. As súas preocupacións e peticións foron formuladas nunha liña similar polos sindicatos de Educación con representación no país.