Social

Achéganse ás 10.000 sinaturas para aprazar as oposicións de Educación na Galiza

Enquisa da FeSP-UXT Ensino sobre a OPE de Educación.
O movemento a prol do aprazamento das oposicións a xuño de 2021 leva activo dende que a Xunta manifestou a súa intención de continuar co proceso e non deixa de sumar apoios. 

"As opositoras queremos que a Xunta da Galiza dea unha resposta clara xa e aprace as oposicións a xuño de 2021, como se fixo xa na inmensa maioría dos territorios do Estado". Así o manifestan a Nós Diario cando están a piques de conseguir 10.000 sinaturas de apoio na súa campaña na plataforma Change.org que solicita que os exames da OPE de Educación fiquen para o vindeiro curso pola crise do coronavirus. 

"A nosa posición é maioritaria entre o conxunto do persoal opositor", defenden diante da incerteza provocada pola postura da Consellaría de Educación, que non define as datas e semella optar por manter os exames para este mes de xuño, segundo as últimas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. 

A FeSP-UXT Ensino lanzou unha enquisa para coñecer a opinión das opositoras galegas despois da carta enviada o pasado 8 de abril pola conselleira Carmen Pomar a sindicatos e profesores. "A nosa vontade, por respecto aos miles de persoas opositoras que nestes momentos están a realizar un esforzo para prepararse nunha situación tan complexa, é manter o proceso, xa que aínda se está en prazo para levalo a cabo", sinalaba a titular de Educación. 

Pois ben, cun "total de 7.670 respostas admitidas, despois de eliminar duplicidades e usuarias non identificadas como docentes ou opositoras á docencia", esta enquisa conclúe que "o 92,3% das participantes rexeita realizar a oposición no mes de xuño" fronte a "un 7,7% dos participantes que si ve oportuno levar a cabo as oposición este verán". 

Os participantes da mesma, segundo trasladou a FeSP-UXT Ensino, divídense en tres colectivos: "opositores libres que nunca traballaron para a Consellaría de Educación (3.569 participantes; un 46,5% do total), funcionarias de carreira que se ven afectadas por poder participar como tribunal de oposición (1.009 participantes; un 13,2% do total) e profesorado interino ou substituto (3.092 participantes; un 40,3% do total). 

O movemento a prol do aprazamento das oposicións a xuño de 2021 leva activo dende que a Xunta manifestou a súa intención de continuar co proceso, depois de informar nun inicio de que as oposicións serían aprazadas no caso de manterse o estado de alarma máis aló do 11 de abril. Neste momento, coñécese que se vai solicitar a aprobación dunha nova prórroga que o levará até o 9 de maio, mais non mudou a posición do Goberno galego de manter a OPE.

"Consideramos que a celebración de oposicións en xuño deste ano supón un grave risco para a saúde de todas as participantes e das persoas do seu entorno, que podería, con facilidade, dar lugar a un rebrote da epidemia de COVID-19 na Galiza, onde a maioría da poboación non está inmunizada contra dita enfermidade", explican a Nós Diario deste este colectivo.