Os sindicatos desconfían que Educación non convoque novas prazas nas oposicións de 2021

Oposicións (Xunta)

O hermetismo da Xunta, unha vez suspendida a convocatoria de 2020, non aclara o futuro da nova oferta pública de emprego. Os sindicatos apuntan a un interese electoral e alertan das complicacións que habería se a Consellaría non reacciona.   

Entre os puntos do día da reunión mantida esta quinta feira entre a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e representantes dos sindicatos do sector xunto a outros colectivos non estaba o tema do futuro das oposicións, agora suspendidas, de 2020. Na xuntanza anunciouse, iso si, que será tratado nunha mesa sectorial por convocar nos vindeiros días.

A desconfianza por este hermetismo e falta de información aumenta entre os sindicatos que non entenden o comportamento da conselleira diante dunha materia tan delicada como é a aspiración laboral de milleiros de persoas.

Unha manobra

“Desconfiamos da intencionalidade da Xunta e moito nos tememos que, detrás desta manobra, se esconda a decisión de non incrementar o número de prazas nas oposicións de 2021”, explica a Suso Bermello, secretario xeral de CIG-Ensino.

A CIG-Ensino cre que adiantar o prazo de inscrición é unha cuestión electoral e non corren perigo diante dunha posíbel decisión de Madrid. “Está publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) ninguén vai poñer reparo en convocar oposicións, non supoñen un incremento de gasto”, asegura Bermello.

Para este sindicato a Consellaría debe modificar a orde da oposición ou publicar unha nova na que se modifiquen os prazos previstos na actual. “Se non se modifica ese Real Decreto e non se estende a 2021 o actual baremo teriamos un problema grave: as normas serían diferentes entre ambas convocatorias e polo tanto non se poden celebrar conxuntamente”, explica Bermello a Nós Diario.

Da mesma opinión é Julio Díaz, presidente ANPE na Galiza, que relata a Nós Diario que podería darse o caso de “xente que siga facendo méritos até 2021 e os méritos da actual convocatoria fecharse antes”.

Explica un antecedente perigoso. “En 1992 houbo unha sentenza xudicial e un día antes das probas anuláronse as oposicións que pasaron a celebrarse en 1998, mais só coas persoas que había matriculadas” e “as persoas que pedían o reintegro dos cartos non se puideron presentar”.

Díaz sinala que en 2021 “deberan convocarse polo menos 2.000 prazas máis e sumarse ás actuais”. Explica que a razón desta cantidade sería o conflito que se xerou co tema da xubilación de Muface. “Hai medo de que a xente non se poida xubilar até os 67 anos, cando se xubilaban aos 60 anos” polo que pensa que as 1.000 xubilacións previstas poderían duplicarse.

Falta de información

José Manuel Fuentes, responsábel de Educación de CCOO, tamén entende que “deben sumarse as prazas do ano vindeiro” e asegura que botan en falta máis información por parte da Consellaría.

 “Se propoñen que se fagan entre os meses de xaneiro e febreiro de 2021, non interrompen as outras”, indica, “se queren facelas en xuño nós reclamaremos que se unifiquen as dúas ofertas”, engade.

Por último desde STEG, Lois Pérez, sinala que "a mellor blindaxe sería que se comprometan a respectar as prazas inicialmente convocadas e sumar as que corresponderían á convocatoria seguinte, mais nada disto escoitamos aínda por parte da conselleira". Esta organización lembra tamén que hai "persoas aspirantes" a estas oposicións como "o colectivo do profesorado interino e substituto" no que asegura que "hai moita inquedanza e tamén dificultades".