Social

Os sindicatos piden garantías para as oposicións de ensino e critican que o adiamento "chega tarde"

Exames dunha OPE (Arquivo/Xunta).
As entidades sindicais presentes na mesa sectorial de Educación salientan que a Xunta ten que blindar o número de prazas convocadas para este ano e permitir engadir as necesarias para o vindeiro curso. 

A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional decidiu finalmente aprazar as oposicións docentes para o próximo ano, unha decisión que os representantes do profesorado levan demandando durante semanas e que aínda deixa abertas algunhas cuestións por resolver, segundo lembran as organizacións sindicais.

O departamento dirixido por Carmen Pomar asegurou a blindaxe das prazas para a convocatoria do próximo ano, para evitar, segundo as súas palabras, hipotéticos recortes por parte do Goberno español.

Neste sentido, os sindicatos reclaman garantías á Xunta e que concrete máis a proposta de cara ao próximo exercicio. As catro organizacións presentes na mesa sectorial de Educación coinciden en reprochar o atraso en adoptar unha decisión por parte do Goberno galego.

A CIG-Ensino ironizou con que a titular de Educación compareza para confirmar "o que era unha obviedade", e insistiu en que a central sindical pedía "claramente" desde o 31 de marzo que se debía anunciar o adiamento da OPE.

Así mesmo, a central maioritaria no ensino oúblico galego salienta que "o que pode blindar a celebración das oposicións no 2021 non é que se manteña o prazo de inscrición agora e se paguen a un ano vista unha taxas de exame, senón a propia Lei 2/2015 de emprego público de Galiza e o Decreto da Oferta de Emprego Público". 

Neste sentido, CC.OO. Ensino lamentou que a decisión "chega tarde" e evidencia "unha vez máis a xestión errática que está a facer esta Consellaría" na crise sanitaria provocada pola COVID-19.

Manter as prazas  

A Xunta convocou para mañá unha reunión telemática coas organizacións sindicais e cos representantes das confederacións de ANPA, prevista para as 17:00 horas.

Desde FeSP-UXT avanzaron que pedirán a Pomar "que matice" todos os aspectos que quedan por resolver da OPE e advertiron de que o adiamento "non pode ir en detrimento" das prazas do próximo ano.

ANPE-Galicia lamentou tamén "que non se tivese en conta en ningún momento aos lexítimos representantes do profesorado" e insistiron en que non se pode perder "ningunha das prazas convocadas", ademais de solicitar que a celebración do proceso se realice con medidas para preservar "a saúde da comunidade educativa" e para evitar "posíbeis colapsos en prazos administrativos".

Para a CIG-Ensino é "fundamental" que se recolla nunha orde publicada no DOG a decisión de manter o reparto actual de prazas por especialidades e que a estas se lle engadan as necesarias do curso que vén.