Defende a Galega

"Os medios públicos non son o botín que leva quen gaña as eleccións"

Persoal da CRTVG de Defende a Galega (Imaxe: Defende a Galega)
O colectivo Defende a Galega, formado por persoal da CRTVG, suma cen venres en negro reclamando o cumprimento da lei de medios públicos e o cese da "manipulación informativa". Co Parlamento disolto, explican, "ninguén fiscaliza o que sucede nos medios públicos desde hai máis de dous meses".

Suman 100 venres vestindo de negro e reivindicándose baixo o lema #DefendeAGalega. Como valoran o percorrido e repercusión das súas demandas a prol dos medios públicos?

A maior satisfacción é que a cidadanía asuma a defensa dos medios públicos, ter cambiado o discurso de “mellor pechalos porque manipulan” por outro que recoñeza que son imprescindíbeis nunha sociedade democrática e libre. E que, por iso mesmo, teñen que ser independentes. Estamos orgullosas e orgullosos do paso adiante que moitas profesionais da CRTVG deron o 25 de maio de 2018 e cada venres desde aquela. Está resultando moi positivo para a autoestima do persoal reivindicar colectivamente a nosa profesionalidade. Canto á repercusión, en boa parte da prensa galega é máis fácil atopar críticas a TV3 que información sobre os problemas dos medios públicos propios, e iso debería facernos reflexionar sobre a situación xeral dos medios na Galiza, non só os públicos. Malia todo, o debate que abriu Defende A Galega é xa incontrolable, e na próxima lexislatura, goberne quen goberne, continuar incumprindo a Lei de 2011 non vai ser unha opción.

É máis fácil atopar críticas a TV3 que información sobre os problemas dos medios públicos propios

Cal foi a posición da directiva do ente ás súas demandas ao longo deste tempo?

As respostas da dirección cara aos profesionais foron a  pretensión de impedir o uso das camisetas de Defende a Galega, a apertura de expedientes con escusas peregrinas a compañeiros que toman parte nas mobilizacións ou as advertencias para desincentivar a participación nas protestas. Na comisión de control, o director xeral da CRTVG asegura que a lei de medios públicos “é unha lei moi cumprida”, cando os mecanismos para garantir a súa independencia aínda non se puxeron en marcha máis de 8 anos despois da súa aprobación. E do proceso de consultas aberto polo Consello de Administración para a futura elaboración do Estatuto e a posta en marcha do Consello de Informativos non temos apenas información nin data prevista de remate.

Até 2016 o blog Eu non manipulo detallaba, precisamente, a manipulación informativa nos medios públicos galegos Desde #DesfendeAGalega tamén tedes denunciado esta problemática. Mudou nestes dous anos?

Tristemente, a resposta da dirección ás denuncias de manipulación informativa segue a ser, incluso con maior intensidade, máis manipulación. E tamén, claramente, máis represión contra as traballadoras e traballadores críticos. Varias das caras máis recoñecibles e valoradas na presentación dos Informativos da TVG que manifestaron o seu apoio aos venres negros foron relegadas da pantalla, en ningún caso por motivos profesionais. Son os exemplos máis visíbeis, pero hai moitos máis. O desánimo e a desmotivación son comúns a maioría dos traballadores.

A resposta da dirección ás denuncias de manipulación segue a ser máis manipulación

Recibiron o XV premio José Couso á liberdade de expresión, tamén o premio da asociación de prensa de Pontevedra. Como valoran estes recoñecementos?

Con moito agradecemento e co convencemento de que se os propios compañeiros e compañeiras son os que recoñecen o traballo de Defende A Galega é porque ninguén mellor que o propio gremio sabe de que estamos a falar e do importante que é preservar uns medios de comunicación independentes e libres de inxerencias, máis aínda se son públicos, porque o seu labor é esencial para ter unha sociedade libre, crítica e plural.

O debate de cara as eleccións estatais de novembro de 2019 arrancou na TVG co apoio das representantes da oposición ao persoal mobilizado. Agardan que ese apoio se traduza en propostas ante os vindeiros comicios galegos?

Desde logo, tan específicas como as que lles fixemos chegar aos partidos directamente nun documento que tamén fixemos público de cara as eleccións do 5 de abril que foron suspendidas. En resumo, reclamamos a destitución inmediata do director xeral da CRTVG e o nomeamento doutra persoa seguindo o criterio marcado pola lei de medios, a creación do consello de informativos recollido na mesma, a recuperación das delegacións territoriais suprimidas en 2008 ou a fin da política de desmantelamento, entre outros. O contrario sería incomprensíbel, ademais de incoherente.

Ninguén fiscaliza o que sucede nos medios públicos desde hai máis de dous meses

Galiza atópase nunha situación só comparábel a do País Vasco, cun Parlamento disolto durante o estado de alarma. Inflúe este contexto na cobertura informativa?

Co Parlamento disolto estao tamén o único órgano ante o que a compañía ten que render contas da xestión e do cumprimento da función de servizo público que se lle encomendou, a Comisión Permanente de Control da CRTVG. Isto significa que ninguén fiscaliza o que sucede nos medios públicos desde hai máis de dous meses. A Cámara na que reside a soberanía popular non pode estar pechada ata que o Goberno de quenda decida cando lle interesa volvela poñer en marcha, máxime nunha situación excepcional como a que vivimos. Por iso Defende A Galega únese ás voces que urxen a súa reapertura.

Que agardan da cobertura de cara aos citados comicios galegos?

Non contamos con que se produzan cambios con respecto a períodos preelectorais e electorais precedentes, máis aló do feito gravísimo de que este se está estendendo, e semella que se vai estender moito máis do habitual, a monopolización dos informativos pola Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo. A CRTVG é de todos os galegos e débese única e exclusivamente a eles, por iso ten que atender os intereses da cidadanía. Xa o dixemos en máis dunha ocasión: os partidos, todos, teñen que entender dunha vez por todas que a TVG e a Radio Galega non forman parte do botín que leva quen gaña os comicios.

A CRTVG ten que atender os intereses da cidadanía

Para rematar, os medios de comunicación son considerados un servizo esencial na pandemia da COVID-19. Nese contexto, que consideran que deberían aportar os públicos?

Deben ofrecer á cidadanía información veraz e contrastada, non dirixida por nin contra ninguén, aportar sosego, reflexión e análise, fuxir de sensacionalismos e evitar recrearse nas desgrazas. Tentar resolver dúbidas acudindo para iso a expertas -que poucas estamos vendo e escoitando nas últimas semanas- e expertos. Nunha situación como a actual é obrigado que multipliquen a programación con contidos educativos, que en circunstancias normais debería ser moita máis da que é. E para o público infantil habería que aproveitar o potencial do Xabarín Club. O mesmo deberían facer cos espazos culturais, que terían que promover en lugar de recortar. Sen esquecernos do entretemento, dirixido fundamentalmente nesta emerxencia sanitaria aos maiores: son moitos os que reclaman máis programas para distraérense e menos bombardeo de información negativa sobre o coronavirus tendo en conta que son o colectivo con maior risco de se contaxiaren.