Defende a Galega

“Na TVG é máis doado atopar unha verza xigante que mobilizacións da sanidade pública”

Traballadoras de Defende a Galega a sexta feira 17 de maio. Imaxe: @DefendeAGalega

Comezou como unha conta na rede social Twitter para denunciar a manipulación partidista nos medios públicos galegos. Un ano despois, Defende a Galega organiza ducias de traballadoras e traballadores nos Venres Negros -as empregadas visten de negro- a prol do cumprimento da lei do ente e contra as presións políticas sobre a información. A plataforma responde vía correo electrónico ás preguntas de Sermos Galiza.
 

Que sucede, segundo Defende a Galega, na CRTVG?

Pois sucede o que repetimos xa tantas veces: seguimos sen un Consello de Informativos que faga escoitar a nosa voz cando non estamos dacordo cunha información que se ofrece ou mesmo cando se nos obriga a redactala como non queremos; que temos un director xeral que non está ratificado como marca a lei aprobada hai oito anos; que está en marcha un proceso de desmantelamento dos medios públicos, como demostra o feito de que se eliminasen as desconexións para a información local na radio e se reducise a presenza destas noticias na tele. Ou que, por exemplo, na radio estea previsto gravar con semanas de antelación o magazine das mañás da fin de semana de todo o mes de agosto, que se emitirá en diferido... Sucede que seguimos sen ter unha programación de servizo público e que a dirección presume de dixitalización sen coidar o máis mínimo os contidos. Sucede que os debates electorais tanto das xerais, como das municipais e das europeas ofrecéronse en horario de mañá. Sucede que cando acendes a tele é máis doado atopar unha reportaxe sobre unha verza xigante que unha noticia contextualizada sobre as mobilizacións na sanidade pública… Sucede que non nos merecemos estes medios públicos.

 

Na súa última comparecencia no Parlamento este mércores, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, atacou con inusual dureza as traballadoras e traballadores de Defende a Galega. Notan un cambio na súa actitude?

Cremos que hai dous puntos de inflexión que inflúen na actitude actual. O máis importante é  a concesión do Premio Couso. Até ese momento, as nosas denuncias podíanse ver apenas nas redes sociais e nos xornais dixitais, pero a partir do premio a difusión aumenta e aumenta tamén a preocupación da dirección, claro. E nin sequera se percatan de que o veto da información sobre o premio é a proba de que as nosas denuncias están xustificadas.

O outro feito que influíu foi a reacción de moita xente cando a dirección advirte aos traballadores de que non poden levar a camiseta de Defende A Galega cando estean en horario laboral. Iso indignou moita xente e a consecuencia foi que recibimos centos de mensaxes preguntando onde podían mercar a camiseta, que cada vez se ve máis pola rúa, e moita xente que participa en entrevistas dentro e fóra do plató decidiu vestila e saír en pantalla con ela, o que supón un gran altofalante para as nosas reivindicacións. Desde aquí, por certo, un grazas maiúsculo a todos os que exhibiron a prenda en entregas de premios e outros actos públicos.

Moitos opinamos que a dirección pensaba que Defende A Galega morrería de inanición. Limitábanse a ignorarnos ata que nos cansáramos e podían facelo, pero agora o clamor social cada vez é maior e iso preocúpalles ata tal punto que o director xeral perde os papeis no Parlamento.

O clamor social cada vez é maior e iso preocúpalles ata tal punto que o director xeral perde os papeis no Parlamento

 

Sánchez Izquierdo afirmou en sede parlamentaria que Ana Pérez fora represaliada porque “chegaba tarde ao traballo”. No caso de Carlos Jiménez tamén aduciron razóns técnicas e laborais. Ou no de Tati Moyano. Aceptan esta versión dos feitos?

Por suposto que non. Xa moitas veces explicamos o noso punto de vista sobre os expedientes abertos a Carlos e a Tati. No caso de Ana, dadas as recentes declaracións de Sánchez Izquierdo no Parlamento, vai contestar ela mesma:

“Non sei se o director xeral insinúa que eu chegaba tarde ou non chegaba a tempo para facer o meu traballo, que en todo caso, comezaba ás 8:30 e non ás 8 da mañá. O meu horario era e segue sendo de 7:30 a 15:00. E para ser fieis á verdade hai que remontarse máis atrás no tempo. Setembro de 2017: a empresa decide mudar caras á fronte dos informativos: Marta Darriba asume o Telexornal Mediodía en sustitución de Marga Pazos, ésta pasa ao Galicia Noticias (onde estaba eu) e a min ofrécenme ir ao Bos Días. Formúlolle á empresa a miña dificultade para asumir ese horario (por cuestións familiares e de conciliación) e mesmo a posibilidade de deixar a pantalla e irme de redactora. A empresa “non quería perderme en pantalla” e acordamos que eu mantería o meu horario e incorporaríame ao directo ás 9 da mañá. En maio de 2018 súmome á iniciativa dos Venres Negros por razóns profesionais e nunca partidistas nin de ningún outro tipo, nin presionada, nin coaccionada. Chega a temporada 2018-2019 e en setembro a dirección insiste na idea de que me incorpore antes. Sigo co mesmo problema e volvo poñer na mesa a opción de deixar a pantalla. Acordamos (asumindo unha responsabilidade e un nivel de estrés engadido) que faría o esforzo de entrar en directo media hora antes ás 8:30. Iso tradúcese en que teño que ser hiperpuntual na entrada, pasar por estilismo, maquillaxe e perruquería a fume de carozo e ter polo menos 15 minutos para poder botarlle un ollo á escaleta e non entrar a cegas nun programa en directo de tres horas"

Así o fixen de setembro a xaneiro, sen fallar un só día nin un só minuto, cumprindo co meu traballo dilixentemente e sen ningunha queixa por parte de ninguén. No momento en que asumín ese axuste dixéronme que seguiriamos asi até decembro porque viña enriba a dixitalización e non había marxe para cambios. Pero que volveríamos falar no mes de decembro e, ou ben seguía así, ou ben me daban outra alternativa... En todo caso que non deixaría de facer pantalla. A miña sorpresa foi que, sen ter noticia da empresa, a comezos de xaneiro a persoa que me ía substituír chámame para poñerme en sobreaviso de que a ela lle ofreceran o meu posto e en 15 días produciríase a remuda. Cando a nova xa se difundiu polos corredores recibín unha chamada da empresa para desculparse porque me enterara dese xeito da miña substitución. Non houbo proposta ningunha de seguir facendo pantalla (cando á persoa que me substitúe aseguráronlle que xa falaran conmigo e tiñan alternativa para min). Ante este panorama solicito, mesmo por escrito, incorporarme ao Galicia Noticias como redactora, onde sigo traballando a día de hoxe e intentando facelo o mellor que sei e podo. Non acepto máis escurantismos, verdades a medias nin insinuacións case ofensivas cando sempre cumprín coa miña obriga profesional da mellor maneira que puiden e souben.

Non acepto que se cuestione a miña profesionalidade porque precisamente a demostrei con creces asumindo calquera reto que me propuxeran. E tampouco me serve como argumento para explicar a miña retirada do programa o de precisar máis implicación do presentador no informativo. Hai outro caso dun presentador que se incorpora a falta de media hora do comezo do Telexornal”.

Sánchez Izquierdo está disparando contra todo o que se move porque se ve desbordado polas críticas que está a recibir desde moitos ámbitos

 

O director xeral tamén arremeteu contra o Colexio de Xornalistas e contra os medios de comunicación que difundan as denuncias de Defende a Galega.

Na nosa opinión está disparando contra todo o que se move porque se ve desbordado polas críticas que está a recibir desde moitos ámbitos. Está nesa política maniquea de “conmigo ou contra min”.

 

E asegurou que “entre a marca da CRTVG e o dereito á información”, a dirección elixiu a marca para non informar do premio Couso.

Como lle dixo un deputado [Julio Torrado, do PSdeG], agradecemos que por fin diga a verdade, aínda que tardase un ano en facelo… Un medio público non pode poñer a súa reputación por riba do dereito á información, obviamente. Pero é que, ademais, parte dunha premisa falsa: non estaba en xogo “a marca” da CRTVG, senón a marca da súa dirección. E cremos que a reputación dun medio mellora cando informa das críticas que recibe, internas e externas. Temos recente o exemplo dos telediarios de TVE que informaron sobre as críticas dos Consellos de Informativos sobre unha decisión da cúpula directiva.  

 

Por que decidiron dar o paso de se organizaren en Defende a Galega?

Déronse varias circunstancias que favoreceron o seu nacemento. Por un lado, os traballadores da radio empezaron a mobilizarse polo servizo público cando se anunciou a supresión dos informativos locais e do Diario Cultural no seu formato orixinal. Por outra banda, RTVE empezara os seus Venres Negros para reclamar un concurso público que lles permitise ter unha dirección independente que se rexise por criterios xornalísticos e non partidistas; como son demandas semellantes, algúns traballadores trasladaron a iniciativa á CRTVG e desde aí foi medrando ata hoxe. Eses dous factores mestúranse cun tremendo grao de fastío do persoal. Ademais, desde o principio tivemos claro que Defende tiña que ser un movemento de mínimos: somos moita xente e cada quen ten unha idea do que é mellor para a CRTVG, pero coincidimos no máis básico, as reivindicacións que puxemos até agora na mesa.

 

Pasou un ano desde que comezaron as protesas dos Venres Negros. Como é o ambiente entre as traballadoras e os traballadores?

Hai un tremendo descontento entre o cadro de persoal e o ambiente de traballo é o peor que se recorda na historia da CRTVG. É desolador que xente á que lle gusta o seu traballo estea desmotivada e cansa de ter que discutir cousas moi básicas a cada minuto… O que nos dá azos é que cada vez nos sentimos máis arroupados fóra. Pode que a xente non sexa consciente de canto significa para nós velos coas camisetas postas ou recibir unha foto de apoio os venres.

 

Ao respecto da cuestión anterior, Sánchez Izquierdo afirmou que non podía “aceptar o linchamento dos que se manifestan aos que non o fan”. É certo ese presunto “linchamento”?

É totalmente falso. A convivencia entre os traballadores que se manifestan de negro e os que non o fan é boa. Pedide que vos deixen entrar un venres nas redaccións da radio e da tele e comprobádeo vós mesmos. O que pode percibir o director xeral son críticas (que non insultos) cara aos que teñen cargos e desenvolven funcións de responsabilidade, pero iso vailles no cargo.

A convivencia entre os traballadores que se manifestan de negro e os que non o fan é boa

As súas accións están a conseguir traspasar os muros da compañía e chegar á sociedade?

Máis lentamente do que nos gustaría, pero si percibimos cada vez máis apoio social. E é imprescindíbel. Dixémolo na recollida do Premio Couso: nós sós non podemos facer a presión suficiente para cambiar as cousas, ten que ser a cidadanía. Os políticos téñeno que ver como un problema con custo electoral para que se decidan a darlle solución.

 

Temen máis represalias da dirección?

Pois tendo en conta o tono que se escoitou no Parlamento esta semana, temémonos o peor.