CUT e UXT presentan demanda colectiva polo cambio de función das redactoras na CRTVG

Demanda colectiva presentada por CUT e UXT. En febreiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa anulara a decisión unilateral da compañia pública de poñer as súas redactoras e redactores a editaren vídeo.

CUT e UXT presentaron unha nova demanda colectiva contra a CRTVG pola mudanza de función ao persoal de redacción. O pasado mes de febreiro o TSXG emitiu unha sentenza que botaba por terra a decisión da dirección da CRTVG de poñer as súas redactoras e redactores a faceren un labor de edición básica de vídeo ao entender que se trata dunha modificación substancial de carácter colectivo das condicións de traballo. A xustiza lembraba á compañía pública que non podía impoñerlle esas novas funcións a través dunha decisión unilateral e que calquera paso neste sentido debía de seguir o procedemento legal existente, é dicir, unha negociación cos representantes do persoal.

 

Porén, isto non se deu e por iso CUT e UXT volven impugnar xudicialmente o cambio de función das redactoras da CRTVG. Fontes da defensa legal da CUT explicaron en conversa con Sermos Galiza que, entre outros incumprimentos, a compañía non procedeu a devolver todas as redactores ás súas función anteriores, polo que parte deles continuou a facer tarefas de edición.

 

“A dixitalización levouse a cabo en moitos medios,  en todos de maneira negociada. A CRTVG optou por converter a dixitalización nun problema laboral”

 

O proceso de dixitalización que iniciou a CRTVG foi aproveitado pola dirección da compañía para obrigar o persoal de redacción a facer labores de montaxe das súas noticias, o que viñan realizando até o de agora montadores e técnicos especializados. Unha decisión unilateral que adoptou sen ningún tipo de diálogo nin negociación cos representantes das e dos traballadores embora supoña una mudanza substancial das súas condición laborais do persoal

 

Isto foi motivo dunha primeira denuncia por parte de CUT e UXT dándolles a xustiza a razón. Porén, e segundo consideran estas centrais, durante este tempo a dirección non procedeu acorde ao estipulado na resolución da TSXG, de aí que interpoñan una nova demanda. A insistencia da dirección en que as redactoras fagan tamén a labor de edición non só ten repercusións negativas a nivel de emprego mais tamén na calidade e coidado da noticia, pois antes montadores e técnicos especializados eran os encargados desta tarefa.  

 

“A dixitalización levouse a cabo en moitos medios, pero en todos de maneira negociada. A CRTVG optou por converter a dixitalización nun problema”, resumen desde a defensa legal da CUT.