10-N

Defende a Galega denuncia a invisibilización do debate na CRTVG

Imaxe difundida por Defende a Galega

O colectivo de profesionais en defensa da CRTVG denuncian que esta compañía pública invisibiliza o único debate realizado na Televisión Galega sobre as eleccións xerais, dedicándolle «cero minutos na crónica das 14 horas» na radio cando ao debate estatal da segunda feira dedicou catro minutos.

De «invisíbel» cualifican desde Defende a Galega o debate emitido pola TVG a sexta feira 8 de novembro onde participaron candidatas e candidatos que se apresentan polas circunscricións galegas á eleccións xerais do 10-N.

O colectivo de traballadoras e traballadores en defensa da CRTVG, Defende a Galega, denuncia así a decisión de emitir ás 10 horas o debate organizado pola compañía pública, sendo este un horario de baixa audiencia e no que a maioría da poboación se atopa no seu posto laboral, tal e como denunciou o pasado 6 de novembro o comité de empresa de CRTVG, quen esixiu á dirección a súa emisión en prime time. 

Denuncian ademais na súa conta Twitter que a Televisión Galega decidise só organizar un único debate, cando noutras ocasións se teñen realizado por circunscricións.

Ademais, lamentan que a Radio Galega non informase sobre este e que na crónica das 14 horas non lle dedicasen ningún minuto cando do debate da segunda feira 4 de novembro, onde participaron os líderes dos partidos españois, si falaron 4 minutos.

O colectivo de profesionais denuncia que o debate tamén foi invisibilizado na TVG e sinalan que só lle dedicaron 35 segundos no telexornal do mediodía cando o mesmo informativo dedicou catro minutos e corenta e cinco segundos ao debate da pasada segunda feira cos candidatos á presidencia do Goberno central.

 

O debate tan só durou unha única hora

As candidatas de PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG contaron con tan só 60 minutos para apresentar e debater as súas propostas cando no debate estatal houbo 165 minutos.