Defende a Galega, premio Laranxa das xornalistas de Pontevedra

#VenresNegro89CRTVG
No seu encontro anual, a prensa pontevedresa recoñeceu a dignidade e a firmeza do colectivo Defende a Galega na protección dos medios públicos.

O persoal da CRTVG mobilizado "polos medios públicos, contra o desmantelamento, polo cumprimento íntegro da lei, contra a manipulación, pola pluralidade e contra as inxerencias" vestiu de negro o seu venres número 89. Coincidindo cunha nova xornada de denuncia nas redes sociais co cancelo #615DíasEnNegro a asociación da prensa de Pontevedra resolveu outorgarlles ás traballadoras dos medios públicos o premio Laranxa, un recoñecemento simbólico que eloxia o compromiso dunha persoa, colectivo ou institución co práctica do xornalismo e o seu impacto na sociedade.

A resistencia de Defende a Galega fronte a parálise dos xestores públicos mais a porfía das traballadoras por conseguir unha televisión e unha radio públicas de calidade capaz de integrar e respectar todas as audiencias, convenceron as xornalisats pontevedresas na súa cea anual. "Son exemplo de dignidade, integridade e profesionalidade dentro do xornalismo. Sobran os motivos", concluíron 

Coa mesma contundencia, o premio Limón recau en Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas. Segundo recoñecen membros da prensa pontevedresa, polas súas "inxerencias e vetos" recorrentes ao traballo xornalístico.

A cea deste ano estivo organizada polo Diario de Pontevedra. Un sorteo decidiu que o gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra sexa o encargado de preparar o encontro do ano que vén.