A mesma consultora que rexeitou o traslado de Ence ao río Ulla acepta agora instalar nel a celulosa de Altri

Xaquín Rubido, presidente da PDRA, no centro da mesa, esta segunda feira na rolda de prensa en Carril (Vilagarcía de Arousa). (Foto: Arxina)
En xullo de 2021 a Audiencia Nacional estimou un recurso do Concello de Pontevedra e de Greenpeace e declarou ilegal a prórroga que o Goberno español de Mariano Raxoi concedera en 2016 a Ence en Lourizán, na ría pontevedresa. Comezou entón unha disputa entre a empresa, a Xunta da Galiza e o Estado arredor do posíbel traslado da pasteira, algo que Ence sempre considerou “inviábel”

En 2016 o Goberno español de Mariano Raxoi (en funcións) decidiu conceder a Ence unha prórroga até 2073 para ocupar terreos públicos en Lourizán, na ría de Pontevedra, onde está asentada a pasteira. O Concello de Pontevedra e Greenpeace recorreron esta decisión política diante dos tribunais e en xullo de 2021 a Audiencia Nacional declaraba ilegal esta prórroga, a sentenza foi recorrida por Ence diante do Tribunal Supremo pero, no entanto, comezou un intenso debate entre a empresa, a Xunta da Galiza e o Estado español arredor do posíbel traslado da celulosa se o Supremo confirmaba a decisión da Audiencia Nacional. Foron dous anos de debates e cambios de postura, aínda que ninguén explicou nese momento polo miúdo a posición a favor ou en contra do traslado. 

A historia explícase ás veces tempo despois, e desta volta a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) desvela que Ence encargou dous informes a dúas consultoras (IDOM en 2018 e Pöyry en 2019) que concluían que “ningunha celulosa podería instalarse en ningún río galego, excepto no Miño”.

O informe da consultora IDOM encargado por Ence é claro ao respecto, “na Galiza non hai nin grandes lagos nin ríos con ese caudal de auga [que precisa unha celulosa]. Tendo en conta os cursos de auga existentes na Galiza e as dimensións produtivas de Ence, así como as características do efluente residual xerado, é condición indispensábel dispor dunha masa de auga co volume e a axeitada taxa de renovación que sexa capaz de asumilo sen sufrir o efecto negativo do efluente”. 

O informe da consultora conclúe que “só o río Miño e o Sil terían caudal suficiente (aínda que mínimo) para asumir o efluente, aínda que deberán realizarse os estudos pormenorizados necesarios e consultar os organismos correspondentes, o que podería derivar en que estes ríos non fosen aptos para recibir a descarga do efluente durante todo o ano”. Con este informe no seu poder, Ence sabía xa en 2019 que o traslado de Lourizán sería “inviábel” a ningún outro punto da Galiza en caso de que prosperase o recurso presentado polo Concello de Pontevedra e Greenpeace. Así o explicou esta segunda feira en rolda de prensa o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, que desvelou ademais que a consultora finesa Pöyry (autora do infoeme de 2019) é a mesma empresa que Afry (autora do Estudo de Impacto Ambiental para a construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, na Ulloa), xa que Afry é unha consultora con sede en Suecia e resultado dunha fusión da consultora sueca AF e a finesa Pöyry.

Ao respecto, a PDRA presentou esta segunda feira en rolda de prensa en Carril (Vilagarcía de Arousa) unha alegación específica na que critican que a mesma consultora que en 2019 aseguraba neste informe encargado por Ence que non podía situarse ningunha celulosa a carón de ningún río galego, salvo o Miño, agora elaborara o informe e o Estudo de Impacto Ambiental no senso contrario para instalar a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, coa captación de 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros (ríos Ulla e Arnego) e a vertedura do efluente 2 km arriba, na parroquia do Sexo, en Agolada (O Deza).

“Non se pode argumentar a imposibilidade de traslado da factoría de Ence en Lourizán e utilizar os argumentos contrarios para xustificar a instalación de Altri no río Ulla. Non hai ningún río na Galiza no que sexa sostíbel emprazar unha celulosa das dimensións produtivas do proxecto de Altri”, dixo Rubido.

Alegación da PDRA

O recurso de Ence diante do Tribunal Supremo e o informe de Pöyry facendo inviábel o seu traslado servíronlle á pasteira para que en febreiro de 2023 o alto tribunal tombara a sentenza da Audiencia Nacional e ratificara a prórroga a Ence en Lourizán até 2073. Paradoxalmente, este mesmo informe da consultora finesa e o elaborado por Afry (do mesmo conglomerado empresarial) para a instalación da celulosa de Altri en Palas de Rei son o argumento de peso que a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa presentou esta segunda feira nas súas alegacións contra Altri. 

Xaquín Rubido explicou en rolda de prensa que “non se pode dicir unha cousa e a contraria”, e sinalou que segundo o informe pericial elaborado polas consultoras para Ence “mesmo seica non hai tecnoloxía suficiente polo de agora para facer celulosas circulares”, o que abonda nas críticas ao proxecto de Altri, que mesmo pretendeu acceder inicialmente aos fondos do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da economía circular.

A ría de Arousa, onde desemboca o río Ulla, e o seu potente sector pesqueiro e marisqueiro ven perigar co proxecto de Altri en Palas de Rei uns 19.000 empregos directos que actualmente ten o sector na zona, e outros arredor de 50.000 indirectos que en terra dependen directamente dun sector que é un dos principais motores da economía e o mar na Galiza, e que ademais fixa poboación.

"Intereses políticos"

Xulio Fernández, voceiro da Plataforma Ulloa Viva, afondou na rolda de prensa da segunda feira no "entramado de intereses económicos e políticos que cada día afloran ao respecto do proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei". Denunciou que o propio Alfonso Rueda veña de anunciar unha Oficina Económica dependente da Presidencia da Xunta da Galiza para xestionar os proxectos industriais estratéxicos, “isto é encargarse persoalmente de Altri”, dixo. Ademais, criticou os “políticos facilitadores de lobbies, Pepe Branco e o Goberno do Estado, dos que dependen os cartos da Unión Europea sen os que Altri non chegaría ao corazón da Galiza”.

O "problema" do río Miño

A pesar de que a propia empresa consultora dicía en 2019 que o único emprazamento posíbel na Galiza para unha celulosa era o Miño, dous anos despois o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) de Afry para o proxecto de Altri en Palas de Rei di textualmente: “Na conca do Miño existen posibilidades de implantación no tramo entre Outeiro de Rei e o encoro de Belesar (Portomarín), cun caudal mínimo de subministro de 2,5 metros cúbicos por segundo. Non obstante, o feito de ser un leito internacional cuxa xestión non depende da Administración autonómica fixo pensar en que os outorgamentos das concesións de aproveitamento e vertedura ían ser máis difíciles”.

Así se explica no Estudo de Impacto Ambiental presentado por Altri que a opción do Miño non lles convén porque o seu carácter internacional complicaría os permisos do proxecto da macrocelulosa, e deixando entrever que o feito de que sexa a Xunta da Galiza quen xestione estas autorizacións é mais sinxelo e seguro para levar adiante o proxecto.