Concellos e Ulloa Viva alertan sobre Altri na Unión Europea

Xuntanza da Comisión de Peticións do Parlamento europeo, esta segunda feira. (Foto: Ulloa Viva)
Ana Miranda recolle a denuncia da veciñanza

Unha delegación de Concellos e da Plataforma Ulloa Viva e doutros colectivos sociais e veciñais contrarios á instalación de Altri na Ulloa, así como responsábeis municipais do BNG das comarcas afectadas, chegaron esta segunda feira a Bruxelas para trasladar a súa denuncia diante do “desastre” ambiental, social e económico que o proxecto suporía "para o corazón da Galiza". Entregaron esta denuncia no Parlamento Europeo á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Ana Miranda, europarlamentaria do BNG que convidou os afectados e as afectadas a manter varias sesións de traballo a respecto do tema tanto na segunda como na terza feira. 

Reuniranse hoxe, xunto coa eurodeputada do BNG, con María Teresa Fábregas, directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Comisión Europea; e posteriormente con Paul Speight, xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, e outros responsábeis de diversas áreas de posíbel afectación do proxecto. Todos eles, membros da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.

Ulloa Viva chegou a Bruxelas cunha denuncia a respecto dos incumprimentos da normativa comunitaria do Proxecto Gama (para a construción da celulosa na Ulloa), que entregou a Miranda como vicepresidenta da Comisión de Peticións e que xa levou a semana pasada o problema de Altri a este organismo. 

A plataforma vai acompañada dun "completo informe", de persoas expertas en distintos eidos como o ambiental, o socioeconómico ou o patrimonial, no que queda claro, din, que o proxecto da celulosa en Palas de Rei vulnera a Directiva de nitratos, a Directiva marco da auga 2000/60/CE, a Estratexia da biodiversidade 2030, a Estratexia “da granxa á mesa”, a Directiva na calidade do at, a de hábitats ou de aves. 

Zeltia Laya, membro da plataforma, mantivo onte encontros no Europarlamento con Florent Marcellesi, eurodeputado de Verdes Equo/Sumar; tamén na oficina da eurodeputada de María Eugenia Palop (Sumar) e con Idoia Villanueva (Unidas Podemos), e hoxe reuniranse co eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares

Alegacións

O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitou esta segunda feira unha ampliación de 15 días do prazo de alegacións á fábrica de Altri en Palas de Rei, que remata na cuarta feira, dada a "avalancha" de alegacións que se están a rexistrar.